Mancomún

Click2try, proba aplicativos libres sen instalación

Xoves, 6 Agosto 2009

Click2tryIniciarse sen referencias previas no mundo do software libre ou cun escaso coñecemento sobre a súa dinámica pode resultar en ocasións desconcertante: existe demasiada información dispersa, os proxectos non sempre son estábeis ou tan bos como o esperado, os repositorios con diferentes versións dos produtos multiplícanse pola rede…

Nesta situación, probar varios aplicativos de software libre entre o amplo abano de posibilidades que poden aparecer na busca para unha determinada aplicación faise case imprescindíbel -algo, por certo, impensábel no eido do software privativo onde a traba económica dificulta enormemente esta comparativa e no que, ademais, priman as estratexias de mercadotecnia ou simplemente as situacións de monopolio dun produto.

Para testar as diferentes alternativas libres existe a posibilidade de instalar un por un, ben no propio computador ou ben en máquinas virtuais (VirtualBox, OpenXenCenter…)- cando o software puidese comprometer a estabilidade de todo o equipo- e probalos. Existen, no entanto, outras opcións máis cómodas e rápidas para o usuario como son as demos en liña. Para moitos destes aplicativos existen xa demos creadas polos seus desenvolvedores ou por membros da comunidade que simplemente pretenden promover o uso do software de fontes abertas. É o caso do servizo web click2try.
Click2try é un repositorio de aplicativos de código aberto, onde se poden probar aplicativos e sistemas operativos sen ter que descargar nin instalar nada no computador, realízase todo a través do navegador.

Polo de agora click2try achega esta posibilidade con tres distribucións de Linux e máis de 50 programas de escritorio, repartidos en oito categorías diferentes: negocios, educación, oficina, desenvolvemento de software, administración de sistemas e redes, utilidades, e desenvolvemento web.

Para poder utilizar o servizo é necesario ter instalado Java e un navegador (permítese o uso de Firefox, Internet Explorer, Safari e Google Chrome). É totalmente gratuíto e non é preciso rexistro previo, aínda que o sistema ofrece un servizo de subscrición por se se desexa ter un acceso prolongado a un aplicativo ou por se desexar probar máis dun aplicativo ao mesmo tempo.

Segundo explicou o xefe executivo da empresa click2try(TM), Mario Grech, "trátase dun servizo que permite a desenvolvedores da comunidade achegarlles aos seus usuarios a opción de probar previamente o produto; con isto estamos axudando a difundir a mensaxe de que existen grandes aplicativos que están accesíbeis para a comunidade de software libre".

Un sistema similar podería ser tamén realidade en Galicia

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, afirmou recentemente que o departamento que dirixe creará "un Centro Demostrador de produtos de software libre que permita dar a coñecer os casos de éxito de sectores concretos".

Estas declaracións fíxoas no marco da reunión que a secretaria xeral mantivo con representantes das universidades galegas, o CESGA e cos axentes que están a colaborar coa Administración galega en materia de software libre, para avaliar as actividades realizadas ata o de agora neste campo e estabelecer liñas de actuación a prol do desenvolvemento do software libre.

Fonte: Click2try

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal