Mancomún

Closure Tools e SPDY: Google segue a liberar os seus desenvolvementos

Mércores, 18 Novembro 2009

Recentemente falamos nesta mesma páxina de Google Go, unha nova linguaxe de programación de código aberto presentada por Google. Nos últimos días, esta mesma empresa liberou dous produtos abertos: Closure Tools, e SPDY.

Closure Tools

Logo de ClosureClosure Tools está formado internamente por tres partes: un optimizador de JavaScript (chamado Closure Compiler), unhas exhaustivas bibliotecas de JavaScript (a Closure Library), e un sistema de modelos (Closure Templates) sinxelo para Java e JavaScript.

Closure compiler, o compilador da plataforma, compila código JavaScript e convérteo en código compacto e de alto rendemento.

A biblioteca Closure é unha biblioteca de JavaScript ampla, ben probada, modular e independente do navegador. Pódense empregar aquelas partes que necesitemos, escollendo entre un gran conxunto de widgets e controis para a interface de usuario, e de ferramentas a máis baixo nivel para a manipulación de DOM, a comunicación co servidor, estruturas de datos, etc.
Closure Templates, o sistema de modelos, simplifica enormemente a tarefa da creación dinámica de HTML. Ten unha sintaxe simple, que resulta natural para os programadores. Os modelos de Closure están pensados tanto para JavaScript como para Java, de xeito que se poden empregar os mesmos modelos no lado do servidor e no do cliente. Para a parte do cliente, os modelos de Closures veñen precompilados, en forma de código JavaScript eficiente.

SPDY

SPDY preséntase como “un protocolo experimental para unha web máis rápida”. Dentro do desenvolvemento de Chromium, estase a experimentar con protocolos alternativos que axuden a reducir a latencia das páxinas web. Un deses experimentos é SPDY, un protocolo da capa de aplicativo para o transporte de contidos a través da rede, deseñado especificamente para obter unha latencia mínima. Ademais da especificación do protocolo, desenvolveuse un navegador Google Chrome modificado compatíbel con SPDY, e un servidor web de código aberto, que será liberado pronto. Segundo contan, en probas de laboratorio conseguíronse reduccións de ata un 64% nos tempos de carga das páxinas empregando SPDY.

Tal como contan na presentación do protocolo: Esperamos involucrar á comunidade de código aberto para que contribúan con ideas, comentarios, código e resultados de probas, para facer de SPDY o protocolo de aplicativo da seguinte xeración para conseguir unha rede máis rápida.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal