Segundo información publicada polo CESGA, as pemes manufactureiras de Galicia e norte de Portugal terán acceso á capacidade de supercomputación grazas ao proxecto CloudPYME.
Esta iniciativa liderada polo CESGA, AIMEN, CATIM e AIMMAP permitirá ás pemes dos sectores metalúrxicos e metalomecánicos mellorar a súa competitividade internacional coa inclusión nos seus procesos de software libre CAD, CAE e simulación. O obxectivo do proxecto é deseñar, crear e probar unha infraestrutura sustentable de asistencia ás pemes do sector manufactureiro do sur de Galicia e norte de Portugal, para impulsar a innovación a través do uso de tecnoloxías avanzadas de deseño, enxeñaría e simulación por computador.
CloudPYME axudará ás empresas galegas e do Norte de Portugal a ter acceso a ferramentas que realmente poidan impulsar a innovación nos seus procesos e produtos. O fin último do proxecto é dotar ás empresas do coñecemento; facilitarlles o acceso a ferramentas de simulación sen custo de licenza que lles permitan mellorar os seus produtos con maior eficiencia e eficacia, a menor custo e nun tempo reducido; e proporcionarlles unha plataforma de soporte para a súa utilización.
As empresas empregan cada vez máis modelización e simulación por computador para aumentar as súas vantaxes competitivas. CESGA, AIMEN, CATIM E AIMMAP uniron forzas para facilitar a través deste proxecto, o acceso a software de simulación de código libre e capacidade adicional de computación. CESGA e os seus asociados porán así a súa experiencia con estas tecnoloxías ao servizo do sector produtivo na eurorexión. O obxectivo final é axudar ás empresas a incrementar a súa capacidade competitiva a través da innovación. Así, a través do Proxecto CloudPYME as pequenas e medianas industrias manufactureiras terán á súa disposición unha serie de tecnoloxías avanzadas e coñecementos técnicos de vangarda.
Empresas galegas e portuguesas sumaranse durante 2012 á execución de Pilotos que lles permitirán acceso a contornas de supercomputación, así como a cursos de formación específicos sobre o uso das ferramentas. CloudPYME pretende ser un soporte para compañías de maneira que poidan converterse en usuarios competentes de tecnoloxías de cómputo avanzado, levando a cabo proxectos que produzan beneficios tanxibles.
O custo total do proxecto é de 417.280e, dos que o 75% está financiado con fondos FEDER a través da segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España – Portugal 2007-2013 POCTEP.
