ComerZZia é un sistema integral de xestión, completo e especializado para o sector comercio, cubrindo os procesos necesarios nunha central, na trastenda (Backoffice ou Xestor de Procesos) e o Terminal Punto de Venda, distribuído baixo licenza EUPL.
Este proxecto nace da experiencia dun colectivo mixto de profesionais dos sectores das TIC e do comercio e da aposta de Red.es para rematar de dar forma ao proxecto. Na súa construción contouse co apoio ilusionado de varias grandes e medianas empresas do comercio que achegaron código da súa propiedade e cederon horas dos seus programadores para documentar e integrar o código de forma funcional e tecnicamente coherente.
ComerZZia recolle a experiencia acumulada de máis de 15 anos no sector do comercio polo miúdo, do software propietario MIC2000 ERP+, así como as adaptacións e evolucións realizadas para diversos clientes.
Até a data, tanto no mundo do software libre como no do propietario, as solucións ERP para o sector comercio foron de carácter xeral nas que era preciso integrar unha solución de punto de venda (TPV). Isto ten algunhas vantaxes e non poucos inconvenientes, á marxe de ter no ERP procesos que xamais serán usados ou de difícil e custoso encaixe. Isto foi un dos puntos clave que levaron á construción de ComerZZia como unha solución global para o comercio capaz de adaptarse a este sector tan altamente dinámico, polivalente e, por necesidade, natural evolutivo e imaxinativo.
ComerZZia desenvolveuse seguindo as máximas de modularidade e interoperabilidade, de xeito que cada un dos tres elementos da xestión funcionen independentemente e que poidan integrarse con solucións de terceiros. O aplicativo está deseñado para funcionar nos seguintes escenarios:
- Unha tenda cun único TPV.
- Unha tenda con máis dun TPV.
- Unha cadea de tendas con múltiples sedes.
Está desenvolvido en base ao uso dos estándares máis coñecidos para a integración de visores, pantallas táctiles, lectores de tarxetas, caixóns portamoedas, impresoras de tickets, etc. como os estándares OPOS (OLE for Retail POS) e JavaPOS (Java for Retail Point of Sale Devices), utilizados polos principais fabricantes de hardware para o sector comercio. Con isto se pretende minimizar as inversións adicionais en hardware.
Outro aspecto no que ComerZZia supón unha oportunidade diferencial respecto doutros ERP xenéricos, é a inclusión de módulos específicos para a compartición de procesos para as asociacións de pequenos comercios como pode ser:
- fidelización dos clientes por puntos
- negociación colectiva con bancos (tarxetas de pago)
- negociación colectiva cos provedores
- venda de produtos individualmente baixo un portal común
- …
Ao tratarse de software libre, tanto o código fonte como os instalables están dispoñibles para a súa descarga dende o capítulo de CENATIC na forxa de Morfeo. Tamén están dispoñibles os manuais de instalación, uso, e configuración.
