Mancomún

Comeza a II edición da iniciativa “Tecnoloxía e Software Libre nos centros penitenciarios”

Xoves, 17 Xullo 2014

Logo de MelisaA asociación de usuarios de software libre da Terra de Melide, MeLiSA, iniciou a semana pasada no Centro Penitenciario de Teixeiro, a segunda edición dos “Talleres tecnolóxicos e software libre nos centros penitenciarios de Galicia”, actividade que por segundo ano consecutivo desenvolve esta asociación en colaboración coa AMTEGA, no marco do Plan de Acción de Software Libre e do Programa de Voluntariado Dixital.

Centro Penitenciario de TeixeiroEsta segunda edición deste ciclo de obradoiros mantén os obxectivos da pasada edición, achegar as novas tecnoloxías aos internos dos centros penitenciarios a fin de contribuír a mellorar a súa futura inserción laboral.

A formación achegada a través destes cursos amosa aos internos as principais características dos programas informáticos que se liberan baixo unha licenza libre, sendo o programa concreto adaptado en función dos recursos dispoñibles en cada centro, así como do perfil dos internos, aínda que a metodoloxía de traballo é, en calquera caso, de carácter eminentemente práctico.
Así, por exemplo nos Centros de Inserción Social (CIS), onde os internos desfrutan dun réxime aberto, é posible que acudan a unha aula da rede CeMIT, onde reciben unha formación complementaria do uso de diferentes servizos dispoñibles a través de internet (correo electrónico, busca de emprego, uso básico de redes sociais, etc.)

O obradoiro no centro de Teixeiro, tivo lugar do 30 de xuño ao 16 de xullo e foi impartido por Salvador Tabarés, voluntario de MeLiSA, quen ofreceu aos internos un curso de alfabetización dixital e reparación de equipos con GNU/Linux dirixido aos internos do módulo de respecto, e o módulo de mulleres.

Para os meses de setembro e outubro están programados o resto de obradoiros nos centros de A Lama, Pereiro de Aguiar, Monterroso e Bonxe, así como nos CIS de A Coruña e Vigo, que serán impartidos por Salvador Tabarés, Rafael Rodríguez e Miguel Bouzada.

Esta actividade, forma parte das actividades que MeLiSA realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia. Ao mesmo tempo, conta coa colaboración e apoio do equipo de Voluntario Dixital.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal