Mancomún

Comeza aRtropocode. Encontro multidisciplinar de traballo conxunto a prol da cultura e aprendizaxe libres

Mércores, 17 Setembro 2014

Dende hoxe e ata o 21 de setembro, celébrase na NORMAL da Coruña unha nova edición de aRtropocode, un summerlab co título Simbioses creativas entre corpo(s), tecnoloxía(s) e ecoloxía(s).

Banner do artropocodeUn summerlab é un evento comunitario, libre, aberto e gratuíto; impulsado por axentes locais e vencellado ao contexto no que se desenvolve; unha organización de actividades na que toda persoa interesada pode propoñer contidos; onde os participantes comparten coñecemento e aprenden “facendo”; onde se fomenta o Faino-ti-mesmo e Faino-en-conxunto, a cultura libre e o uso de de tecnoloxías e licenzas libres.

O aRtropocode Galicia 2014 é pois un encontro aberto no que persoas creadoras, investigadoras e activistas se xuntan nun clima de cooperación para compartir coñecementos e desenvolver proxectos transdisciplinares utilizando tecnoloxías e licenzas libres. A participación e asistencia é libre e gratuíta.

A Oficina de Software Libre do CIXUG colabora no patrocinio deste evento, no que estarán presentes os gañadores da pasada edición do Premio ao mellor proxecto fin de carreira, Pablo Belay e Esperanza González.
No aRtropocode 2014 haberá unha mestura de persoas e colectivos chegados de toda a Península e puntos internacionais, xunto a persoas e colectivos galegos, traballando en rede e potenciando o contexto local. Está organizado ao redor de nodos ou grupos de traballo temáticos libremente propostos, que interactúan xerando oportunidades de aprendizaxe aberta e colaboracións emerxentes. Estes nodos traballan en mesas ou espazos definidos pero non pechados, para promover a interrelación e a participación de asistentes ao SummerLab.

A nivel de contidos en desenvolvemento, haberá investigacións en liñas experimentais, como a impresión dixital 3D orientada a próteses corporais, hardware libre orientado a un modelo aberto de ciencia, a revolución tecnolóxica da filosofía da diversidade funcional, ou propostas performativas que integran drones (vehículos aéreos non-tripulados) e sonifican o movemento dos corpos no espazo, por poñer algúns exemplos.

Haberá retransmisión por streaming dalgunhas das actividades a través de adtlántida.tv, sistema de radiotelevisión libre, que foi presentado a finais do pasado ano na UDC.

Este evento que está integrado dentro do circuíto SummerofLabs, que comezou no mes de xullo en Nantes e que concluirá en outubro en Casablanca.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal