PortalProgramas abre o prazo de nominacións para a sexta edición dos Premios PortalProgramas ao Mellor Software Libre do ano.
Un ano máis, o obxectivo destes premios é recoñecer aos proxectos de software libre que máis teñen contribuído ao avance tecnolóxico durante o ano, como mostra de agradecemento aos esforzo e paixón da comunidade que hai detrás de cada proxecto de software libre.
As principais novidades deste ano son a ampliación do calendario, de setembro a novembro, para facilitar as nominacións e votacións e a modificación do sistema de votacións incorporando un xurado independente que decidirá o gañador entre os 5 finalistas escollidos polos usuarios do portal, que só poderán emitir un voto por categoría.
Novo sistema de votacións
O novo sistema de votacións conta con dúas importantes novidades, como resultado das suxestións recibidas en anos anteriores polos participantes e usuarios. A primeira delas é que agora cada usuario só poderá emitir un voto por email e por categoría e non un voto diario como en anteriores ocasións. A segunda é que unha vez rematadas as votacións dos usuarios, un xurado independente puntuará de 0 a 10 cada un dos 5 finalistas de cada categoría.
O gañador será o resultado da suma dos votos do xurado xunto cos votos dos usuarios.
O xurado estará composto polos seguintes membros:
- Fergus Reig Gracia da Asociación de Enxeñeiros de Informática de Aragón
- Pop Ramsamy responsable do Observatorio de Cenatic
- Daniel A. Rodríguez de Escuelas Libres – Argentina
Calendario e fases de participación nos premios
O pasado 3 de setembro comezou a Fase de nominacións, que estará aberta ata o vindeiro 20 de setembro.
Nesta fase calquera persoa pode presentar os seus candidatos aos premios, que serán validados polos organizadores dos premios, comprobando que se axustan ás bases do concurso e que posteriormente someteranse á fase de votación.
Como en anos anteriores existen 10 categorías:
- Mellor software libre para móbil
- Mellor blog de software libre
- Software libre máis popular
- Software libre máis revolucionario
- Software libre con maior potencial de crecemento
- Software libre esencial para a Web
- Software libre esencial para a tecnoloxía
- Software libre esencial para a comunicación
- Software libre esencial para redes de comunicación
- Software libre esencial para empresas
Para nominar un proxecto só hai que acceder ao portal dos Premios PortalProgramas, consultar as categorías e os programas xa propostos e propoñer un novo proxecto premendo no botón "nominar".
Dende o 22 de setembro ata o 11 de outubro estará aberta a Fase de votacións públicas, onde todos os usuarios do portal poderán votar polos seus favoritos.
Do 13 ao 25 de outubro estará aberta a Fase de votacións do xurado
Finalmente entre o 27 de outubro e o 1 de novembro daranse a coñecer os gañadores de cada categoría. O gañador na categoría do Blog sobre software libre levará ademais do recoñecemento unha dotación económica de 300 euros como premio especial, xa que dende a organización consideran que a difusión do software libre é un dos puntos mais importantes.
