Mancomún

Comical, lector de banda deseñada para o seu escritorio

Venres, 12 Xuño 2009
ComicalXa é antiga a asociación de gustos entre os usuarios de novas tecnoloxías e os das bandas deseñadas, pero un cabalga sobre bits mentres o outro estaba, tradicionalmente, ancorado no soporte papel. Agora, ambos camiños se cruzan.

Por iso, se estaba a buscar un lector de libros de bandas deseñadas (CBR polas súas siglas en inglés) ou un lector de arquivos destas (CBZ) que se instale de maneira doada no seu sistema operativo, Comical pode ser ese aplicativo.

Doado de usar e cun bo feixe de características, Comical manéxase mediante unha interface intuitiva creada polos desenvovedores mediante wxWidgets. Ademais é open source, polo que se pode colaborar no seu desenvolvemento.

Podería esperarse que a animación, o vídeo, substituíse no soporte electrónico as limitacións do papel, pero non é así. Hai pouco falamos aquí de Ubunchu! unha iniciativa en cómic para difundir o uso de Ubuntu entre mozos adolescentes, que foi traducido a galego pola Oficina de Software Libre da Universidade da Coruña.

A arte gráfica ten a súa propia linguaxe e resulta atraente en si mesma como demostra a popularidade dos cómics nas sociedades como Xapón con alto uso das TIC. Por iso que dun tempo a esta parte cada vez é máis notábel a recuperación da lectura de cómic pero realizándose agora sobre o escritorio do computador e aproveitándose das redes para difundirse.

Comical está licenciado basicamente con GPL, versión 2, permite ver dúas páxinas á vez ao estilo da lectura tradicional en soporte papel, abre ficheiros en formato JPEG, PNG, GIF, e TIFF e está optimizado mediante o uso de caché para responder rapidamente á carga das imaxes e reaccionar ao zoom e preferencias do usuario.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal