Mancomún

Completa comparativa entre 2 xestores documentais libres

Luns, 16 Febreiro 2009

Atopamos unha completa análise comparativa entre dous xestores documentais libres; o Alfresco e o Nuxeo 5 , que segundo os autores dela, son os máis fortes dentro do mercado do software libre, por riba doutras solucións como KnowledgeTree ou OpenKM. Aínda que indican que é unha análise obxectiva, o feito de que os autores sexan socios de Nuxeo e a lectura dalgún comentario recibido, sobre a comparativa pon en dúbida esta obxectividade.

Aínda así, e tendo isto en conta, resulta interesante coñecer as posibilidades que ofrecen ambos sistemas. Na comparativa analizan 6 aspectos diferentes: usabilidade, funcionalidade, tecnoloxía, prezo, comunidade e socios.

Usabilidade:

Neste punto, os autores danlle a mellor puntuación a Nuxeo, mencionando que a interface de Alfresco é pouco atractiva e difícil de usar citando un par de empresas que o teñen implantado, e que din non estar satisfeitas coa facilidade de uso da interface.

Funcionalidade:

En canto a funcionalidades, ambos sistemas incorporan a navegación dos contidos con base en etiquetas, un bo sistema de xestión de versións, sistema de procuras empregando ferramentas libres como Lucene ou OpenSearch, mais o que decanta a balanza lixeiramente en favor de Nuxeo son funcionalidades de integración no escritorio como “arrastrar e soltar”, edición de documentos no propio navegador ou a xestión dos fluxos de traballo.

Tecnoloxía:

Ambos sistemas traballan na arquitectura J2EE con Jboss, e con estándares de acceso a documentos CIFS, Webdav etc. e ambos están tamén a desenvolver o estándar CMIS de comunicación entre plataformas software de xestión documental.

Mencionan a favor de Nuxeo que permite desenvolvementos de novas funcionalidades de forma máis sinxela que co Alfresco.

Prezo:

Neste punto, o resultado parece indicar que o prezo de implantación e axuda de ambos xestores pode variar moito, así que non está claro que haxa diferenzas de custo real aquí.

Comunidade:

O repositorio de Alfresco Community (agora denominado labs) está totalmente aberto, pero a versión Enterprise Network, non. Nuxeo ten un único repositorio para a Plataforma Enterprise, que é totalmente aberto ao público.

En Alfresco a corrección de erros faise no repositorio da versión Entreprise e non chegan á versión da comunidade ata despois de certo tempo, mentres que no caso de Nuxeo a comunidade benefíciase inmediatamente das correccións ao ter un único repositorio.

Aínda que por outro lado, recoñecen que a cantidade de socios de Alfresco existentes é moi superior á de Nuxeo e tamén o número de implantacións realizadas de Alfresco.
 
Fonte: Yerbabuena Software
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal