Mancomún

Completouse a tradución da suite Mozilla ao galego

Venres, 20 Febreiro 2009
  • Xa están dispoñíbeis en galego os principais aplicativos libres para navegación web, correo electrónico e xestión de axenda.
  • A intervención da Consellaría de Innovación e Industria resultou decisoria para desbloquear a integración do galego nos repositorios oficiais da Fundación Mozilla.

MozillaO Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza acaba de completar con éxito a  tradución dos aplicativos máis populares da suite Mozilla: así, ao popular navegador Firefox engádenselle agora un versátil xestor de correo electrónico (o Thunderbird), e un potente xestor de axenda (o Sunbird), o que inclúe a contorna que os integra a todos nun único aplicativo: o Seamonkey. Deste modo a iniciativa pública complementa a iniciativa voluntaria individual característica da comunidade do software libre, como no caso da tradución do Songbird.

Grazas a este paso crítico, a cidadanía galega poderá dispoñer de versións continuamente actualizadas destes aplicativos, que irán sendo fornecidos progresivamente para as plataformas informáticas máis populares: Linux, Mac e tamén Wndows. Ademais, permitiranos empregar en galego determinadas adaptacións do Firefox, como a desenvolta especificamente para a platafoma Mac (Camino) ou a destinada ao seu uso en dispositivos móbiles (Fennec).

Thunderbird é un cliente de correo; Sunbird é un aplicativo independente baseado no complemento de calendario de Mozilla e que cumpre funcións de axenda, lista de tarefas e calendario con alarmas. Pola súa banda Seamonkey recolle a idea de cada un dos anteriores e inclúe, de xeito simplemente operativo, navegador, cliente de correo e unha ferramenta de edición de html.

Estas novas traducións incorporadas, aínda que son completamente funcionais, atópanse, non obstante, en versión beta. Este é o procedemento habitual da Fundación Mozilla que somete a un breve período de avaliación a calquera idioma recentemente aceptado. Con esta medida certifícase a calidade e o bo funcionamento de cada unha das traducións achegadas pola comunidade.

A tradución ao galego do Firefox 3 pasou polo mesmo período de probas e verificación dous meses antes de ser oficialmente integrado. Precisamente esta minuciosidade no procedemento, esixida pola Fundación Mozilla, xustifican que todo este proceso de localización ao galego teña requirido até oito meses de traballo e de esforzo continuado.

Para culminalo con éxito resultou fundamental a intervención da Consellaría de Innovación e Industria, que conseguiu desbloquear a situación de estancamento na que se atopaba  o proceso de localización ao galego desde había cinco anos dos produtos Mozilla. Mediante a interlocución institucional coa Fundación, abriuse unha vía de traballo conxunta coa comunidade galega de tradución a través de Mancomún. 

Unha vez finalizado o proceso de integración nos repositorios oficiais da Fundación Mozilla, chega o momento de poñer en mans da comunidade galega de localización de software o mantenemento desta tradución, tal como xa se adiantara no anterior evento galego de localización de software libre. Así,  en palabras do coordinador de Mancomún, que asumiu persoalmente a xestión do proceso de integración, “Compre agora dar os pasos precisos para integrar tamén a suite Mozilla na metodoloxía consensuada coa comunidade galega de localización (g11n). ” Segundo Suso Baleato, “A complexidade non radica tanto no volume de cadeas -que non é moi alto- como na implantación do mecanismo que permita garantir o mantenemento da memoria de tradución cumprindo, asemade, cos estándares de calidade e fluxo de traballo da comunidade Mozilla.”

Ligazóns ás últimas versións beta de cada un dos aplicativos:

Firefox:ftp://ftp.mozilla.org/pub/mozilla.org/firefox/nightly/latest-mozilla1.9.0-l10n

Thunderbird:ftp://ftp.mozilla.org/pub/mozilla.org/thunderbird/nightly/latest-comm-central-l10n/

Sunbird:ftp://ftp.mozilla.org/pub/mozilla.org/calendar/sunbird/nightly/latest-comm-central-sunbird-l10n/

Seamonkey:ftp://ftp.mozilla.org/pub/mozilla.org/seamonkey/nightly/latest-comm-central-l10n/

 

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal