Mancomún

Comunicado de ASOLIF a prol do SWL nos portátiles para a educación

Martes, 15 Setembro 2009

A federación ASOLIF (“Asociaciones empresariales de Software Libre Federadas”) emitiu recentemente un comunicado no que se mostra a favor de instalar unicamente software libre nos computadores portátiles que as distintas comunidades autónomas están a adquirir no marco do Plan estatal de dotación de portátiles a alumnos de Primaria.

Neste comunicado, ASOLIF defende esta postura con base en criterios económicos, tecnolóxicos, educativos, empresariais e legais, citando diferentes razóns dentro de cada criterio, segundo as cales o óptimo sería a instalación de software libre nos citados portátiles.

A continuación resumimos as razóns presentadas neste comunicado:

Tendo en conta os criterios económicos:

  • Aforro económico en licenzas. O aforro de custos nas adquisicións e anovacións de licenzas constitúe unha vantaxe evidente.
  • Investimento local. Mediante a elección de software libre, foméntase o investimento e o servizo locais.
  • Aumento da vida útil dos equipos. Os aplicativos libres poden funcionar en máquinas de recursos máis limitados, o que aumenta a vida útil dos equipos.

Segundo criterios tecnolóxicos:

  • Coexistencia con outras plataformas. Debido ao uso de estándares abertos o software libre obtén un grande rendemento coexistindo con solucións baseadas noutras plataformas.
  • Capacidade de adaptación a contornos diversos, como os implantados nas administracións educativas rexionais
  • Rendemento nos portátiles de baixo custo. Os escritorios libres son altamente adaptábeis a contornos con limitacións de recursos
  • O futuro é móbil. O software libre en dispositivos móbiles alcanza cotas de mercado similares ás de sistemas privativos, e as Administracións públicas poderán dar unha resposta, máis eficaz que no pasado, para a incorporación deste tipo de tecnoloxías á aula.

Criterios educativos:

  • Adaptabilidade a contornos educativos. Os escritorios desenvolvidos con software privativo son xenéricos e escasamente adaptábeis a contornos non comerciais, e son por tanto ferramentas pouco pedagóxicas. O software libre permite facilmente adaptar escritorios e aplicativos a contornos con diferentes requirimentos.
  • Independencia tecnolóxica. A dependencia que as Administracións públicas teñen do software desenvolvido noutros países resulta preocupante. En materias tan sensíbeis como a tecnoloxía con fins educativos, ASOLIF entende que debería aumentar o nivel de independencia, sendo o uso e o desenvolvemento de software libre o mellor xeito de acadar isto.
  • Compartir é bo como principio social. O feito de que os alumnos, docentes e pais poidan compartir información, recursos e software sen restricións crea dinámicas positivas e eficientes dende un punto de vista educativo e social.
  • Colaboración entre Comunidades autónomas. A utilización de SL elimina barreiras que limitan a cooperación en materia tecnolóxica orientada á educación.

Criterios empresariais:

  • Existe tecido local maduro asociado ao software libre.
  • Oportunidade para un posicionamento exportador. Os investimentos en materia tecnolóxica para a educación servirían, caso de apostarmos polo SL, como lanzadeira para o posicionamento en vangarda mundial de empresas españolas de desenvolvemento de SL, fronte á actual situación de dependencia tecnolóxica externa.

Criterios legais:

  • Propiedade privada fronte a dereitos de uso. Os dereitos do usuario ao empregar software libre non se adquiren ao investir en software privativo. As licenzas de software supoñen unha serie de restricións, moitas delas inaceptábeis.
  • Favorece a libre competencia. O seguimento de estándares abertos, así como as licenzas asociadas ao software libre favorecen a libre competencia e a transparencia.

Resulta interesante ler o comunicado completo, así como as conclusións ás que chegan. Unha argumentación seria e razoada sobre as vantaxes do software libre.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal