Mancomún

Concursa en "I'm a Linux" e viaxa a Xapón

Martes, 23 Decembro 2008
Linux FoundationDespois do éxito da campaña “I’m a Mac” de Apple e de ver a Sean Siler (o verdadeiro PC de Microsoft) defender a súa postura ante o falso estereotipo creado por John Hodgman, a Fundación Linux quere entrar en escena promovendo o concurso “I’m a Linux”. Nun vídeo de menos de 60 segundos, os participantes deberán expoñer de xeito orixinal e creativo as razóns para escoller o sistema operativo Linux, ao tempo que inspiren a outros a empregalo.
 
O gañador recibirá unha viaxe gratis a Tokyo para participar no Simposio da Fundación Linux en Xapón en outubro do vindeiro ano e o seu vídeo será mostrado tamén no Collaboration Summit de San Francisco o 8 de abril de 2009, onde previamente se dará a coñecer o gañador.

Hai que recordar que Linux xa saltou ás pantallas de maneira creativa anteriormente. IBM fíxoo no ano 2003 co anuncio coñecido como “Prodigy”, no que se promocionaba o sistema operativo Gnu/Linux a través dun neno que o representaba. Máis tarde no 2007, Dell mostraría no BrainShare unha parodia de “I’m a Mac” onde aparecía unha moza Linux.
 
Para participar no concurso os interesados deberán subir as súas pezas de vídeo á páxina da Fundación Linux entre o 26 de xaneiro e o 15 de marzo de 2009.
 
Fonte: FayerWayer
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal