A OSL do CIXUG organiza a xornada de difusión sobre desenvolvemento áxil en código aberto co título “Coñece Adtlántida.tv”.
A xornada celebrarase o vindeiro día 2 de outubro na Facultade de Ciencias da Comunicación de 17:00 a 19:00 horas.
Beka Iglesias [@geekshabeka] e Berio Molina, os responsables do proxecto, serán os encargados desta charla que xirará en torno a dous grandes bloques:
- Presentación da versión Alpha 1 da mediateca de Adtlantida.tv
- Presentación da versión en desenvolvemento do sistema de streaming e a rede de apps de Adtlantida.tv
Transversalmente falaranse doutros temas referentes a Adtlántida.tv como son o crowdfunding, o software libre, a liberdade de contidos, a publicidade e a acción en rede e comunitaria.
Adtlantida.tv (Ad=prefixo, do latín ‘cara, en dirección a’ Atlántida=lexendaria illa, símbolo de avanzadas civilizacións, somerxida nalgún lugar do Atlántico) é un sistema de radiotelevisión libre. A súa rede de aplicacións web e para dispositivos móbiles permite poder emitir e consultar material audiovisual en calquera momento e desde calquera lugar, utilizando calquera dispositivo libre. A interface está dispoñible en galego, castelán e inglés como mínimo. Adtlantida.tv diferénciase doutros servizos como Bambuser, Ustream ou Vimeo no emprego exclusivo de ferramentas libres (Icecast en servidor linux, reprodutores multimedia html5, apps para android), na combinación nun mesmo servizo COMUNITARIO de live streaming e á demanda, ademais da liberdade de contidos, sen censura, así como na ausencia de publicidade.
Ademais, Adtlantida.tv contará cunha equipa dedicada a investigar e desenvolver novas aplicacións que satisfagan necesidades experimentais, e un servidor con bo amplo de subida e baixada de dados, a través da fibra óptica de guifi.net. A estabilidade do servizo garantirase tamén grazas ao soporte do anel de servidores giss.tv e a infraestrutura física de Marsupi.
A xornada é de carácter gratuíto, mais é preciso inscribirse na mesma dende a web da OSL.
Esta xornada forma parte das actividades que a OSL do CIXUG realiza ao abeiro do Convenio de Colaboración asinado coa AMTEGA e que están incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.
