A conferencia EOLE, European OpenSource & Free Software Law Event é un evento europeo que ten por obxectivo promover a compartición e diseminación do coñecemento dos aspectos legais e licenzas de Software Libre e de Fontes Abertas, así como o desenvolvemento e promoción de boas prácticas neste campo. Este ano vai xa pola súa 4 edición. Terá lugar en Barcelona o 4 de novembro.
Se no ano 2008 en París centráronse na, por entón, recentemente publicada versión 3 da GPL, no 2009 en Bruxelas o tema a tratar foi Software Libre e de Fontes Abertas ante o Parlamento Europeo, e en 2010 en Torino, enfocaron as cuestións xurídicas expostas pola liberación de software do sector público, este ano en Barcelona centraranse en dúas áreas novas para a conferencia: o sector empresarial e o mundo universitario e da investigación..
Así este ano, a conferencia EOLE aspira a dilucidar algunhas das principais cuestións relacionadas por unha banda coa creación de empresas ou de liñas de negocio baseadas en software libre, dende o punto de vista do “provedor” e por outra coa adquisición ou a "adopción" do software libre polas empresas usuarias e como poden colaborar con proxectos de software libre.
Así mesmo, o software libre está cada vez máis presente no mundo académico, tanto na docencia como na investigación e desenvolvemento. As universidades están a incorporar o software libre nas súas plataformas de aprendizaxe en liña e cada vez máis participan en proxectos de investigación cuxos resultados se publican baixo unha licenza de software libre. Que implicacións ten isto para a oferta educativa e para a transferencia de tecnoloxía e spin-offs? En particular, cales son as cuestións xurídicas que expón o uso de FOSS para as institucións académicas e centros de I+D?
Tanto nos relatorios como nos debates da EOLE Barcelona 2011tentarase achegar algunhas respostas a estas e outras preguntas.
O comité científico da Conferencia está composto por expertos europeos en leis e software libre. O prazo para o envío de contribucións para participar na conferencia está aberto ata finais de xullo, e entre outros, acéptanse relatorios de calquera dos seguintes temas:
- A selección e xestión de licenzas libres
- Os modelos de licenciamento, licenzas "duais", modelos "open-core", licenzas "na nube"
- As garantías nos proxectos baseados en FOSS
- Os contratos de desenvolvemento de software baseado en FOSS
- Os aspectos legais na xestión da cadea de subministración
- A colaboración empresarial e as contribucións de código nos proxectos FOSS
- As políticas e xestión de marcas
Os interesados en asistir a esta conferencia deben rexistrarse a través do formulario de inscrición web habilitado aos efectos.
