Visto na páxina do Proxecto Trasno:
"A día 17 de outubro de 2009, reunidos en Santiago de Compostela en asemblea constituínte, membros da comunidade Proxecto Trasno asinaron o estatuto para a creación da “Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre Proxecto Trasno” iniciando así o proceso de rexistro oficial na Comunidade Autónoma de Galicia, e que pode durar varios meses ata que a asociación se poida declarar oficialmente constituída.
A asociación, sen ánimo de lucro, pretende ser a entidade que axude e apoie a comunidade de localizadores ao galego. Para tal efecto a asociación define os seguintes obxectivos:
- A promoción e difusión do software libre, dos seus valores e da relevancia para o interese xeral da sociedade galega, con énfase na posibilidade de empregalo en galego ou da posibilidade de contribuír a que estea nesta lingua.
- A localización de software libre ao galego co fin de que a comunidade galegofalante poida dispor de software libre adaptado ás súas necesidades e requirimentos lingüísticos e culturais. A localización ao galego de software libre implica a adaptación deste para que estea traducido á lingua galega, dispoña de servizos nesta lingua como axudas e tutoriais, e dispoña de ferramentas de apoio e asistencia, tales como dicionarios e correctores ortográficos. Para as actividades da asociación, utilizarase a Normativa oficial do galego sen prexuízo de se crearen e acolleren distintas versións dos recursos tamén noutras normas lingüísticas alternativas."
Máis información na fonte orixinal da asociación: http://trasno.net/trasno:asociacion
