Un contorno integrado de desenvolvemento (IDE, polas súas siglas en inglés) é un aplicativo que lles fornece aos desenvolvedores ferramentas axeitadas para o desenvolvemento de software.
Moitos desenvolvedores aprenden a programar empregando un editor de texto, e co tempo pasan a empregar un IDE, xa que estes aplicativos permiten programar de xeito máis rápido e eficiente. Por exemplo, os IDE teñen “coñecemento semántico” da linguaxe de programación, o que permite resaltar erros de programación mentres se teclea. Ademais, a compilación e depuración do código fonte están xa integrados.
Normalmente, un IDE inclúe:
- Un editor de código fonte (basicamente, un editor de texto con características adicionais como completado de código, realzado de sintaxe…)
- Un depurador
- Un compilador ou intérprete
- Ferramentas de automatización da compilación
Un bo IDE axuda aos desenvolvedores a producir aplicativos sustentábeis e libres de erros de xeito máis rápido que usando un editor e ferramentas de consola. No entanto, escoller un IDE pode ser unha tarefa bastante dura, en parte polo grande número deles dispoñíbeis para Linux.
Botémoslles unha ollada aos mellores IDE libres dispoñíbeis para contornos Linux:
- Code::Blocks é un IDE desenvolvido en C++ empregando wxWidgets. Está baseado en plugins, o que o fai moi extensíbel. Actualmente, Code::BLocks está enfocado cara a C/C++.
- Anjuta é un contorno de desenvolvemento para GNOME moi versátil. Inclúe unha serie de características tales como xestión de proxectos, asistentes para a creación de aplicativos, un depurador interactivo… Atópase traducido ao galego.
- Eclipse é un IDE de código aberto baseado en Java . É un dos contornos de desenvolvemento máis populares do mundo. Combina un gran número de diferentes proxectos Eclipse, incluíndo Platform, JDT (as ferramentas de desenvolvemento en Java) e o PDE (motor de desenvolvemento de plugins.
- Kdevelop é un contorno de desenvolvemento para KDE. Kdevelop integra moreas de ferramentas, scripts, e modelos baixo unha interface de usuario común. Contén un asistente para aplicativos, varios sistemas de xestión de proxectos, unha interface de depuración e un conxunto de ferramentas de documentación, diagnóstico e axuda para a optimización.
- NetBeans é un IDE para desenvolvedores en Java. Fornece todas as ferramentas necesarias para crear aplicativos de escritorio, para móbiles, web… en Java, C/C++ e incluso Ruby. A interface deste contorno de desenvolvemento foi traducida recentemente ao galego.
- MonoDevelop é un IDE para GNOME principalmente enfocado ao desenvolvemento de software que empregue os contornos Mono e .Net. Orixinouse como un port de SharpDevelop, e actualmente ofrece compatibilidade coas seguintes linguaxes: C, C++, C# (1.0, 2.0 and 3.0), Vala, Boo, Java, Nemerle, ILasm, ASP.NET e VB.NET.
- Geany é un contorno de desenvolvemento pequeno e lixeiro baseado en Scintilla. É un editor moi rápido, con realzado de sintaxe, completado de código, compatíbel con moitos tipos de ficheiros, como C, java, PHP, HTML, Python, Perl, Pascal… Inclúe entradas nos menús para realizar a compilación dos ficheiros, para executar o resultado… Leva integrada unha xanela de terminal, unha xanela de status…
- CodeLite é un IDE para C/C++ moi potente e lixeiro. Este software é moi flexíbel, e pode estenderse empregando plugins.
Fonte: LinuxLinks.com
