Mancomún

Convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo para a realización do Máster universitario en consultoría de software libre

Martes, 27 Xullo 2010

Logotipo do Máster en Consultoría de Software Libre

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica achega 30.000 euros á Universidade de Vigo para o desenvolvemento do Máster en Consultoría de Software Libre, organizado pola Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo e correspondente ao curso 2010-2011.

Así se recolle no convenio de colaboración recentemente asinado pola Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o Reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.
O Patrocinio do Máster en Consultoría de Software Libre da Universidade de Vigo encádrase, dentro das liñas trazadas no Plan de Acción 2010 en materia de software libre e de fontes abertas, na vertente de Fomento do uso do FLOSS na Educación Universitaria.

O obxectivo que se persegue con este Patrocinio resúmese na formación de profesionais cualificados e capacitados para ofrecer servizos TIC baseados en FLOSS, aumentando deste xeito a capacitación dos axentes FLOSS galegos.

En liña co obxectivo anterior, os estudos de Programa Oficial de Posgrao en Consultoría de Software Libre conducentes ao título de Máster Universitario en Consultoría de Software Libre, organizado pola Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo, teñen como obxectivo a formación de profesionais cun coñecemento amplo e sólido que os capacite para dirixir proxectos e levar a cabo tarefas en ámbitos concretos das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, aplicando métodos, técnicas e ferramentas propios da Enxeñería, e baseados en Software Libre.

O convenio, asinado recentemente, pode consultarse na sección de convenios da iMIT, no seguinte enlace.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal