Mancomún

Convocatoria de subvencións para empresas do sector TIC por un importe de 8 millóns de euros

Venres, 30 Abril 2010

Onte saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas resolucións de axudas destinadas ao sector empresarial TIC aprobadas pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica por un importe de preto de 8 millóns de euros.

Estas dúas resolucións de axudas teñen como obxectivo fomentar o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade de información e a empresa dixital en Galicia cunha dotación económica de 8 millóns de euros. Proximamente publicaranse tamén no DOG outras axudas destinadas ao fomento dos contidos dixitais e ás entidades sen ánimo de lucro para difusión e formación en materia de sociedade da información, por un importe total de dous millóns de euros.

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, Cristóbal Varela, mantiveron a semana pasada unha xuntanza informativa cos representantes das empresas do sector para abordar polo miúdo o alcance destas convocatorias e atender as dúbidas que puideran presentarse.

Dada a importancia destas axudas para a promoción das TIC na sociedade galega, e en particular, do software libre e de fontes abertas, presentamos a continuación un resumo dos puntos máis relevantes para a súa solicitude.

Convocatoria para o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010.

Obxecto:

Potenciar o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010. Estas axudas están destinadas a que as empresar TIC poidan xerar e ofertar ao mercado novos produtos e servizos TIC.

Destinatarios:

Empresas privadas, con personalidade xurídica validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes, que realicen actividades con ánimo de lucro, así como os empresarios individuais, que teñen a súa sede social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, que reúnan os requisitos establecidos para cada un dos tipo de actuación subvencionable.

Liñas de actuación subvencionables:

  • Liña A: Capacidades TIC. Destinadas a que as empresas TIC poidan mellorar a súa capacidades para ofertar ao mercado mellores produtos e servizos.
    • Liña A1: Calidade. Apoio á certificación en normas de calidade especialmente vinculadas ao seu proceso de negocio.
    • Liña A2: Formación. Apoio para a asistencia do persoal propio a cursos de formación tecnolóxica especializada nos medios de produción e ferramentas necesarias para o desenvolvemento dos seus produtos e servizos.
  • Liña B: Desenvolvementos TIC. Destinada a apoiar os desenvolvementos de novos produtos ou servizos das empresas TIC.
    • Liña B1: Desenvolvementos centrados en áreas tecnolóxicas. Estes desenvolvementos deberán incidir nalgunha destas áreas:
      • Converxencia e accesibilidade IP.
      • Mobilidade, localización e XIS.
      • Avance na TDT.
      • Eficiencia enerxética.
      • Fogar dixital.
      • Tecnoloxías RFID, transporte e sector marítimo.
    • Liña B2: Desenvolvementos centrados na cidadanía. Dirixidos á mellora dos servizos de interese xeral para a cidadanía. O usuario final pode ser directamente o cidadán ou entidades que pola súa vez presten servizo ao cidadán e se produza unha innovación manifesta na calidade dos servizos.
      • Servizos sociais e sanitarios. Teleasistencia, servizos e dispositivos de localización, …
      • Educación. Ferramentas de creación de contidos dixitais, plataformas de aprendizaxe en liña, control do alumnado na aula …
      • Outros ámbitos de servizos electrónicos de interese xeral non necesariamente vinculados á Administración.

Características da subvención:

  • Orzamento total dispoñible: 2.550.000€

    • Liña A1 – Capacidades TIC. Calidade. – 300.000€
    • Liña A2 – Capacidades TIC. Formación. – 350.000€
    • Liña B1 – Desenvolvementos centrados en áreas tecnolóxicas. – 1.500.000€
    • Liña B2 – Desenvolvementos centrados na cidadanía. – 400.000€
  • Importe máximo: 50% do custo total dos investimentos subvencionables. Ata un 10% adicional para solicitudes presentadas por medianas empresas e ata un 25% adicional para solicitudes presentadas por pequenas empresas e microempresas.

Convocatoria para proxectos de cooperación empresarial par ao fomento da empresa dixital, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010

Obxecto:

Subvencionar proxectos de cooperación para o fomento da empresa dixital. As iniciativas que se presenten deberán abordarse desde a cooperación entre empresas e contar cun promotor que lidere o proxecto demandando novos produtos e servizos das Tecnoloxías da Información e a Comunicación e, a lo menos, cun socio tecnolóxico con capacidade para prestar eses servizos ou produtos. A tarefa de promoción ou liderado pode ser asumida por empresas ou asociacións empresariais, debendo traballar conxuntamente e acadar éxito no proxecto. Tamén deberán permitir que os socios tecnolóxicos poidan aplicar o coñecemento acadado a outros interesados do mesmo ou distintos sectores económicos.

Destinatarios:

Para as liñas A1, B1 e B2, empresas privadas, con personalidade xurídica validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes, que realicen actividades con ánimo de lucro, así como os empresarios individuais, que teñen a súa sede social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, que reúnan os requisitos establecidos para cada un dos tipo de actuación subvencionable. Na liña B2 deben ter a condición de pemes.

Para a liña A2 asociación empresariais ou colexios profesionais con personalidade xurídica validamente constituídos que realicen actividades sen ánimo de lucro e que teñan a súa sede e o seu ámbito territorial en Galicia.

Liñas de actuación subvencionables:

  • Liña A: Demanda empresarial de solucións TIC. Destinadas a que as empresas e as asociacións empresariais de calquera sector económico poidan identificar as tarefas, problemas e situación da súa actividade que necesitan novos produtos e servizos TIC.
    • Liña A1: Demanda en solucións TIC polas empresas. Solucións TIC que cubran necesidades específicas da empresa, aplicables ao seu funcionamento inter no ou ás súas relacións con terceiros, como poden ser: xestión da cadea de produción, xestión do servizo ou produto, rastrexabilidade, documentación electrónica, aprovisionamento, loxística, comercio electrónico ou teletraballo entre outras.
    • Liña A2: Demanda en solucións TIC polas asociacións empresariais. Solucións TIC que cubran necesidades específicas dunha asociación empresarial nos servizos que prestan aos seus asociados, como poden ser: validación de documentos, intermediación coas administracións ou outros colectivos, centrais de compras, plataformas de distribución, servizos de laboratorio ou análise, etc. Tamén terán cabida aquelas solucións sectoriais ou transversais que a asociación poida facilitar para o seu uso directo polos asociados que sexan pemes, micropemes ou autónomos e non teñan a capacidade de acometer por si mesmos.
  • Liña B: Resposta tecnolóxica en solucións TIC. Destinada para que as empresas TIC poidan desenvolver novos produtos ou servizos TIC que dean solución a problemas e situación concretas de actividade empresarial da entidade líder do proxecto de cooperación.
    • Liña B1: Resposta tecnolóxica en solucións TIC para empresas. Resposta tecnolóxica en cooperación cos líderes dos proxectos da liña A1.
    • Liña B2: Resposta tecnolóxica en solucións TIC para asociación empresariais. Resposta tecnolóxica en cooperación cos líderes dos proxectos da liña A2.

Características da subvención:

  • Orzamento total dispoñible: 5.375.748€
    • Liña A1 – 900.000€
    • Liña A2 – 2.907.784€
    • Liña B1 – 681.341€
    • Liña B2 – 886.623€
  • Importe máximo: 50% do custo total dos investimentos subvencionables. Ata un 10% adicional para solicitudes presentadas por medianas empresas, ata un 25% adicional para solicitudes presentadas por pequenas empresas e microempresas e ata un 30% adicional para as solicitudes presentados por asociación empresariais.

Criterios de valoración:

Os criterios xerais de valoración aplicables ás solicitudes recibidas son os comúns para ambos tipos de axudas.

  • Concepción do proxecto: de 0 a 25 puntos
  • Adecuación dos investimentos e capacidade económica: de 0 a 20 puntos
  • Calidade na execución e no control: de 0 a 20 puntos
  • Proxectos estratéxicos, innovadores e de referencia: de 0 a 15 puntos
  • Visibilidade pública da capacidade técnica do solicitante: de 0 a 15 puntos
  • Capacidade técnica acreditada na presentación: de 0 a 15 puntos

Adicionalmente, considerarase o impulso do software libre e de fontes abertas así como ao emprego da lingua galega na execución das actividades, mediante os criterios seguintes, que serán aplicados en porcentaxe sobre a valoración acadada nos puntos anteriores:

  • Impulso do FLOSS. Ata un 15% adicional.
    • Nivel de uso de ferramentas FLOSS para a execución do proxecto
    • Desenvolvemento e xeración de resultados FLOSS e con estándares abertos, con identificación inequívoca dos resultados e as licenzas ás que quedarán suxeitos.
    • Identificación da publicación dos resultados na web do solicitante ou en repositorios públicos de FLOSS.
  • Emprego da lingua galega na realización das actividades. Ata un 15% adicional. Compromiso de carácter voluntario de emprego do idioma galego cando menos nos seguintes elementos:
    • Na memoria técnica da solicitude.
    • Nas referencias en materia de publicidade que faga o beneficiario sobre o financiamento con fondos públicos.
    • Memoria pública do proxecto baixo licenza Creative Commons dispoñible na web do beneficiario en expedientes con axuda superior a 50.000€.

O prazo de presentación de solicitudes para ambas subvencións é ata o 29 de maio de 2010, inclusive. Para obter unha información completa sobre a forma de presentación destas axudas, prazos de concesión, forma de adxudicación, gastos subvencionables, xustificación posterior… é imprescindible a lectura completa das correspondentes base reguladoras publicadas no DOG e dispoñibles tamén no portal imit.xunta.es

A SXMIT prové ademais as seguintes canles de comunicación para a resolución de dúbidas ou para obter información adicional relativa a estas axudas:

  • Teléfono da SXMIT: 981 54 55 83
  • Enderezo electrónico sxmit.axudas en xunta.es
  • Presencialmente nas dependencias da SXMIT

Fonte: Xunta de Galicia

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal