Mancomún

Crea e analiza estatísticas con SOFA Statistics

Xoves, 15 Outubro 2009
SOFASOFA Statistics é un proxecto que acaba de nacer recentemente, proba de elo é que as características aínda se están engadindo sobre a marcha. Trátase dun aplicativo para facer estatísticas e analizalas sinxelo e amigábel de usar que ademais é multiplataforma, existindo versións para GNU/Linux, Windows e Mac OS..

A gran vantaxe deste aplicativo respecto a outros similares é que non precisa importar previamente os datos dunha base de datos, senón que se pode conectar directamente á base de datos, e a todas as táboas que a compoñen. Simplemente hai que darlle a SOFA os datos de acceso á base de datos e listo. De feito pódense manipular os datos da mesma dende SOFA.

Actualmente os sistemas xestores de bases de datos compatíbeis con SOFA son MySQL, Microsoft Access, SQLite, PostgreSQL e Microsoft SQL Server. Aínda que se estuda facer que Oracle e algún máis sexan tamén compatíbeis en breve.

Se os datos cos que se queren manipular están en máis dunha base de datos, permite traballar coas táboas directamente, onde queira que estean e calquera que sexa o tipo de base de datos no que estean gardados.

Outra característica deste aplicativo é que pódense inserir datos nas estatísticas directamente mediante a configuración de novas táboas da base de datos predeterminada SQLite e engadindo os datos directamente nelas.

A saída, en formato de táboa, está en HTML, polo que pódese poñer directamente na nosa intranet, nunha paxina web ou nunha folla de cálculo.

Este aplicativo está escrito en python e foi desenvolvido por Paton-Simpon & Associates Ltd, ademais está liberado baixo licenza AGPL. Para instalalo en Ubuntu hai que poñer na consola as seguintes ordes:

wget http://www.vislab.uq.edu.au/debuntu/uqvislab-pubkey.asc

sudo apt-key add uqvislab-pubkey.asc

sudo apt-get update

sudo wget http://www.vislab.uq.edu.au/debuntu/sources.list.d/jaunty.list -O /etc/apt/sources.list.d/uqvislab.list

sudo apt-get update

sudo apt-get install python-webkitwx

Unha vez introducidas estas ordes, poderemos instalar xa o paquete .deb, mediante gdebi ou con dpkg -i <paquete>.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal