Mancomún

Creado o primeiro Grupo Empresarial para o Desenvolvemento do Open Source, S.A.

Xoves, 11 Febreiro 2010

Baixo a marca Abanq G2 constituíuse o primeiro Grupo Empresarial para o Desenvolvemento do Open Source, S.A., que foi fundado por empresas españolas de software para a investigación, desenvolvemento e colaboración en proxectos informáticos relevantes para as Empresas e a Administración que ata agora estaban só ao alcance de grandes corporacións.

Trátase dun caso paradigmático da nova industria do software que vén. Si só falar de colaboración entre empresas de software resulta innovador, aínda o é máis un novo modelo de explotación do software baseado en open source. Como vantaxe fronte aos estándares da gran Industria informática (localizada principalmente en EE.UU.), o Grupo ofrece coñecemento e a posibilidade de transferilo como valor engadido e convertelo nun activo para as empresas usuarias.

Segundo recolle a nota de prensa de presentación, este novo Grupo xorde da unión de empresas locais de éxito, adopta a marca Abanq e desenvolveu as ferramentas de colaboración en liña para a consecución de grandes sistemas de xestión empresariais e para a Administración. A tecnoloxía Abanq supón, polo número de implantacións industriais e profesionais, un dos sistemas de xestión empresarial -ERP- máis importante do software totalmente libre.
As cinco empresas fundadoras do proxecto achegaron unha serie de implantacións sectoriais de alto nivel en todo o territorio nacional e tamén no resto de Europa e América Latina, con tecnoloxía Abanq. Agora preténdese abordar grandes proxectos xuntando as especializacións individuais dos membros e grazas á metodoloxía e aos sistemas colaborativos de software. Ademais, aprovéitase a distribución xeográfica para acompañar ao cliente multilocalizado, polo que con este modelo de Rede empresarial combínase a axilidade da peme coa potencia dun gran Grupo.

O máis significativo deste proxecto é, sen dúbida, o cambio de modelo de explotación do software. Fronte ao modelo tradicional, todos os sistemas que se comercializan están licenciados como software libre (GPL). Por tanto, o cliente non está suxeito a licenzas de uso ou dereitos de autor, e ademais cumpre as catro condiciones de liberdade que permiten: executar, modificar, copiar e publicar as melloras do software.

Este novo modelo supón pagar principalmente polos servizos (configuracións, parametrizacións, personalizacións, instalacións, formación, etc.), independentemente do número de postos ou usuarios. É o que permite ás empresas locais de software unha colaboración aberta e actuar de forma global e sustentable.

Os principais datos do Grupo

Inicialmente son cinco as empresas que forman Abanq G2: Calidae, Gestiweb, InfoSiAL, Isolix e KLO, aínda que a estrutura é flexible e está orientada a facilitar novas incorporacións, sempre que se demostren capacidades e implicación decidida no Proxecto.

As empresas do Grupo Abanq G2 contan con 36 traballadores, a facturación global do 2009 superou os 1,7 millóns de euros e considerando os primeiros dez clientes Abanq, por nivel de esixencia, sumarían 330 traballadores e unha facturación global de 75 millóns de euros.

Actualmente, o sistema Abanq dispón de máis de 400 implantacións industriais de primeiro nivel, máis de 1.000 sistemas rexistrados con garantía de actualización do software e un número de descargas dos módulos básicos do ERP cunha media de 500 descargas diarias.

A xestación do Grupo supuxo máis de dous anos de traballo, e neste proceso contouse coa colaboración do Instituto Tecnolóxico de Informática ITI-UPV, con sede na Cidade Politécnica da Innovación de Valencia, con quen se realizaron diferentes plans e estudos para a definición do modelo empresarial que agora se pon en marcha.

Fonte: CENATIC

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal