Mancomún

Crear fotos panorámicas con software libre

Martes, 4 Agosto 2009
HuginPara os amantes da fotografía e das paisaxes, as imaxes panorámicas son practicamente unha constante. Sen dúbida ofrecen unha visión moito máis ampla da que ofrece calquera outra fotografía normal e recollen, de xeito máis aproximado, a grandeza de calquera paisaxe. Mais as técnicas tradicionais para a súa recollida sempre estiveron lastradas pola súa complexidade e o seu alto custo.

Por iso, dende hai tempo, estas técnicas están a ser substituídas pola fotografía dixital. Tomar as fotos unha a unha e compoñer un panorama completo resulta menos custoso e é facilmente accesíbel por calquera persoa cun computador. Para isto existen os editores de imaxes, algúns creados ex profeso con esta finalidade. É o caso de Hugin, un aplicativo multiplataforma de código aberto para a creación de panorámicas a partir de fotos individuais.

Calquera outro programa de edición de imaxes permitiría abrir varias fotografías e xuntalas manualmente, pero as diferencias de cor, tamaño… farían que o resultado non fose sempre o propicio. Hugin busca os patróns en común das imaxes e úneas segundo estes.
screenshot

No entanto, este aplicativo ofrece unha gran cantidade de opcións que permiten controlar ata o mínimo o resultado final, polo que non é unha ferramenta recomendada para persoas que non teñan coñecemento ningún de retoque dixital e fotográfico.

Ademais, Hugin permite a creación de imaxes HDR e proxeccións, como pode apreciarse na galería de imaxes do aplicativo.

Fonte: Linwind

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal