Mancomún

Crecemento espectacular do Software Libre en Galiza

Xoves, 6 Marzo 2008
Tal como confirman os datos do último estudo de implantación en Galiza, parece claro que o Software Libre chegou a Galiza para quedar. Segundo se pode comprobar no Informe Executivo que vimos de publicar hoxe, constátase unha evolución realmente positiva. Estudo sobre a implantación do SwL en Galiza
Esta evolución resulta realmente espectacular nalgúns eidos como é o caso da PEME galega, onde se duplica o uso do software libre ou o caso dos centros educativos onde subiu dun 20% a un 65% en apenas dous anos.

Unha das principais actividades levadas a cabo polo Observatorio de Software Libre é o estudo sobre o nivel de implantación do Software Libre en Galiza. Este estudo abrangue catro ámbitos diferenciados: concellos, os centros de ensino non universitario a PEME e a PEME TIC.
 
A finais de 2005 realizouse unha primeira fase do estudo que resultou nunha boa fotografía da realidade do SwL nas entidades de Galiza. En base a estes resultados a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria puxo en marcha unha serie de iniciativas no marco do PEGSI conxuntamente cos axentes máis directamente involucrados co obxecto de aproveitar as vantaxes do software libre e dos estándares abertos para mellorar a implantación das TIC en Galiza. A finais de 2007, logo de case dous anos, realizouse unha segunda fase do estudo cuxo obxectivo é analizar a tendencia e evolución do Software Libre. Froito desta segunda fase, presentamos hoxe o Informe da situación actual do Software Libre nas entidades de Galiza.

A principal conclusión que se extraen dos datos obtidos no estudo é que a evolución do uso do Software Libre nas entidades galegas está a ser francamente boa. O uso do SwL aumentou considerablemente en todos os ámbitos do estudo durante este período. O SwL deixa de ser unha tecnoloxía case exclusiva das PEME do sector TIC e penetra con forza en todos os demais sectores. Destacan especialmente o ámbito da PEME, onde se duplicou o número de empresas que empregan ferramentas SwL na súa actividade diaria. A evolución é aínda moito máis espectacular nos Centros de Ensino onde se triplicou o número de centros que empregan SwL.

 Evolución do uso do SwL nas entidades galegas no bienio 2005-2007

Da análise dos datos máis polo miúdo, xorden datos moi interesantes que resaltan aínda máis esta espectacular evolución. Así cómpre mencionar que o uso do SwL no segmento das empresas medianas (50-249 empregados) pasou do 10% ao 40% o que supón unha normalización da situación, pois este segmento de empresas soen ser as que presentan sempre un maior uso das TIC. Algo semellante ocorre nas PEME do sector TIC, onde o segmento de maior crecemento é o das empresas maiores (10-49 empregados) que pasou dun 40% a un 63%.

As aplicacións de SwL máis empregadas son as de Ofimática e e as relacionadas con Internet: navegador, xestor de correo electrónico e xestores de contidos (CMS). Coinciden coas aplicacións que foron localizadas ao galego e promovidas pola DXPISI, a través de mancomún, ata o momento de realizar este estudo. Cabe mencionar que a publicación do DVD Ferramentas Informáticas para a PEME foi inmediatamente anterior á realización do estudo, polo que aínda non se reflicten os resultados desta acción no estudo.

Acompañando a esta evolución positiva da penetración do SwL nas distintas entidades galegas, apréciase que estas están moi satisfeitas co uso do Software Libre, outorgándolle unha cualificación de Notable ao seu nivel de satisfacción. Na maioría dos casos este nivel é superior ao que teñen polo uso do software privativo. Ademais a maioría delas recomendarían o uso do SwL. Isto permite concluír que estase a apreciar que a calidade do Software Libre é tan boa para resolver as súas necesidades como a do software privativo.

A este prometedor panorama actual debemos engadirlle unha previsión de uso futuro claramente positiva. Unha ampla maioría conta con aumentar o seu uso do SwL e o máis significativo é que practicamente ningunha prevé diminuír o mesmo. No que atinxe á percepción sobre a evolución do mercado do Software libre dicir que é moi optimista. Así máis da metade das entidades cre que o mercado aumentará e as demais consideran que se manterá no estado actual.

Outro dato interesante que se extrae dos datos do estudo é que os provedores de SwL son principalmente galegos o que reforza a idea de que o SwL funciona como elemento tractor e dinamizador do tecido empresarial no ámbito das TIC.

No entanto, a maioría de empresas que aínda non usan software libre non consideraron a posibilidade de facelo. Os principais motivos que esgrimen para non facelo son, principalmente, o descoñecemento e falta de formación. Isto indica que, a pesar dos esperanzadores resultados anteriores, aínda queda moito que traballar a prol da difusión do Software Libre na sociedade galega.

Informe completo: Sección Informes do Observatorio  

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal