A mediados de agosto deste ano, o goberno nixeriano decidía mercar 17.000 computadoras cargadas con Linux para as súas escolas. A finais de outubro saltaba aos medios a noticia de que este sistema operativo sería substituído por Windows. A polémica estendeuse pola rede, dando conta dun acordo de Microsoft co distribuidor das computadoras á marxe do goberno tras a sinatura do contrato. Finalmente, o goberno nixeriano vén de intervir, desautorizando publicamente ao provedor e manifestando que o Linux non será reemplazado. Máis información no corpo desta nova.Tras o éxito dun programa piloto nas escolas de Nixeria, facíase pública a compra por parte deste goberno de 17.000 computadoras de tipo ClassMate PC. Esta nova adquiriu notoriedade mediática debido ao sistema operativo escollido polo goberno: un Mandriva Linux 2007 adaptado para funcionar sobre a tecnoloxía Flash deste tipo de portátiles.
Porén, a finais de outubro François Bancillon -CEO de Mandriva- publicaba unha carta aberta [ galego | castelán ] a Steve Ballmer -de Microsoft- denunciando que o Linux destes PC sería reemplazado por algunha versión de Windows.
A nova espallouse pola rede cando se fixo público que Microsoft ofreceu 400.000 dólares ao provedor contratado polo goberno nixeriano para unha campaña de publicidade sobre o produto.
Finalmente, o goberno nixeriano vén de intervir desautorizando publicamente ao provedor e manifestando, a través dunhas declaracións en InfoWorld, que o Mandriva Linux non sería reemplazado. Para máis información, pode consultarse a web do Grupo de Usuarios de Linux de Nixéria que está a facer un seguimento do caso.
