Mancomún

Curso de “Desenvolvemento de aplicativos en HTML5 e para dispositivos móbiles Firefox O.S.”

Xoves, 7 Novembro 2013

O vindeiro día 11 de Novembro dará comezo o curso “Desenvolvemento de aplicativos en HTML5 e para dispositivos móbiles Firefox O.S.

Imaxe dos logotipos de FirefoxOS e HTML5Trátase dun curso MOOC que se impartirá a través da plataforma MiriadaX. Consta de 10 capítulos e terá unha duración de 6 semanas e é gratuíto. Ao tratase dunha modalidade MOOC non hai límite de alumnos.

Este é un curso para principiantes que os capacita para un primeiro nivel de desenvolvemento de aplicativos móbiles xenéricos en HTML5 e para Firefox OS.

Firefox OS é o novo sistema operativo libre para teléfonos móbiles e tabletas da Fundación Mozilla, utiliza software libre e prográmase en HTML5, utilizando HTML, CSS e Javascript, como os grandes portais de Internet, Google, Twitter, Facebook, Amazon. etc. A súa calidade e carácter aberto conseguiron o apoio de empresas como Telefónica, Qualcomm, LG, Huawei Foxconn, etc.
O curso ilustra os conceptos con exemplos sinxelos e multidisciplinares, tanto de programación, como de deseño gráfico ou de deseño da interacción. Os participantes aprenderán a deseñar interfaces con HTML e CSS, así como a programar en JavaScript novas funcionalidades e aplicativos. Aprenderase a crear aplicativos Web xenéricos independentes de dispositivo, así como a empaquetalos para FirefoxOS. Empaquetalos para Android ou iPhone é sinxelo aínda que non será materia cuberta por este curso.

Se ben o curso está deseñado para principiantes, recoméndase ter nocións básicas de programación en calquera linguaxe como Java, C, Basic, PHP, Python, Pascal, etc. Os asistentes que carezan destes coñecementos deberán compensalo cun traballo máis intenso. O curso podería ser tamén de interese para programadores expertos que desexen adquirir en pouco tempo unha panorámica do deseño de aplicativos web en HTML5 para FirefoxOS.

Ao rematar o curso poderá obterse un certificado de participación ou un certificado de superación. O certificado de participación obtense de forma automática e gratuíta ao superar o 75% das actividades do cursos. Non leva a imaxe da universidade, nin sinatura do equipo docente. O certificado de superación, emítese a petición do interesado se supera o 100% das actividades do cursos, ten un custe de 40€ e leva o selo da Universidade Politécnica de Madrid e sinatura do equipo docente.

Trátase do primeiro curso do programa "Deseño de servizos na nube para acceso móbil e multi-dispositivo con HTML5" impulsado e patrocinado por Red.es, Universia, CENATIC,Telefónica Digital e TLS, que consta de 5 cursos, que se irán incorporando progresivamente en MiríadaX. Esta iniciativa está recollida dentro da medida “Formación para o Emprego” do Plan de Inclusión Dixital e Empleabilidade da Axenda Dixital para España.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal