O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza un curso de formación sobre o CMS Drupal 7 que será impartido por Sdweb, empresa especializada en implantar Drupal en grandes organizacións como a Xunta de Galicia, Univ. Barcelona, Univ. de Santiago de Compostela, etc
O curso, cunha duración de 20 horas presenciais, terá lugar en Santiago de Compostela os vindeiros días 9, 10, 16 e 17 de novembro en horario de 16:00 á 21:00 (os días 9 e 16) e de 09:00 á 14:00 (os días 10 e 17).
O obxectivo do curso é que un alumno con coñecementos básicos sobre desenvolvemento web, posicionamento e uso de técnicas e ferramentas dixitais, poida en poucos pasos, descargar, instalar e configurar un completo portal sobre Drupal. A metodoloxía da acción formativa é totalmente práctica. Semanalmente realizaranse as sesións formativas presenciais acompañadas con exercicios e prácticas, así como un dossier formativo con actividades adicionais para que este curso sirva de punto de inicio no mundo Drupal.
Os relatores son Diego Meixeiro e Martín Rey, membros do departamento de software de Sdweb, empresa da que vos falamos recentemente con motivo do I congreso Hispano Luso, onde precisamente presentaron o caso de éxito de Drupal en grandes organizacións. Ambos teñen ampla experiencia sobre o CMS Drupal e a comunidade de usuarios que o integran ofrecéndolle aos participantes na formación non só unha visión específica sobre módulos e funcionalidades senón unha contextualización do funcionamento da Comunidade Drupal e a súa visión sobre como desenvolver proxectos de alto nivel desde 0 no citado CMS.
Dado que o obxectivo final é que o alumnado ao rematar o curso sexa quen de desenvolver de maneira autónoma un completo portal en Drupal 7, a formación estrutúrase para acadar os seguintes obxectivos:
- Adquirir unha boa base en Drupal e a xestión de contidos. O coñecemento sobre a filosofía de traballo da comunidade en Drupal, os obxectivos que busca eo seu funcionamento, que faciliten definir unha metodoloxía de traballo adecuada para cada proxecto, pensando no desenvolvemento e o mantemento posterior do portal. Facilitar o uso a usuarios avanzados e protexer o portal contra posibles ataques externos.
- Coñecer a fondo a arquitectura de Drupal. Axuda a comprender a interactuación entre o núcleo e os módulos adicionais, a separación entre a parte lóxica e a gráfica, que axudan a comprender o seu funcionamento interno para sacar o máximo proveito á hora de crear novos proxectos.
- Módulos adicionais fundamentais. Revisión de módulos non incluídos no núcleo, pero que resulta fundamentais para poder construír un portal potente e eficiente.
- Adaptación a novas versións e módulos. Actualización do sistema e técnicas para o seu correcto mantemento. Desenvolver o portal facilitando a súa actualización para solucionar problemas e erros, e a súa posible ampliación mediante novos módulos.
O temario que permitirá acadar os obxectivos marcados é o seguinte:
- Introdución a Drupal, instalación e estrutura interna do núcleo.
- Instalación de novas funcionalidades en Drupal. Os módulos.
- O aspecto gráfico en Drupal. Instalación e personalización de temas gráficos.
- Actualización e mantemento dun portal en Drupal. Optimización e posicionamento.
O CPEIG oferta 25 prazas que serán cubertas por rigorosa orde de inscrición. O prazo de inscrición remata o vindeiro xoves 8 de novembro ás 23:00. Os prezos e forma de inscrición están dispoñibles na web do CPEIG.
