O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza – Mancomún, en colaboración con AGASOL, organiza un curso de formación avanzada de eBox, destinado a profesionais de empresas TIC galegas interesadas en ofrecer servizos de implantación sobre esta plataforma.
eBox é unha aplicación de licenza libre que ten por obxectivo facilitar a administración dunha rede corporativa. Foi concibida e desenvolvida co obxectivo de ser sinxela, de diminuír a curva de aprendizaxe para os administradores da rede e permitirlles aforrar tempo automatizando moitas das súas tarefas de administración diaria.
A plataforma eBox leva 4 anos en desenvolvemento, e co lanzamento, a mediados do mes pasado, da versión 1.0 pódese considerar alcanzado o estado de madurez da aplicación.
Outra das súas características interesantes é que inclúe un completo framework de desenvolvemento que permite a adaptación de xeito doado ás necesidades particulares de cada implantación.
Así, enmarcado na estratexia promovida pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información de ofrecer capacitación en SwL ás empresas TIC galegas co dobre obxectivo de estimular a implantación de SwL na peme galega e fortalecer o tecido TIC endóxeno, organízase o seguinte curso, Formación avanzada de eBox, cun total de 24 horas, estruturadas en dous módulos:
-
Módulo sistemas: o obxectivo é que ao final os asistentes sexan quen de instalar e configurar eBox a todos os niveis, personalizando a monitorización e os informes periódicos de uso e rendemento, así como a administración e monitorización centralizadas e programación de tarefas automáticas de mantemento.
-
Módulo desenvolvemento: o obxectivo é que ao final os asistentes coñezan o framework de desenvolvemento de eBox e sexan quen de desenvolver módulos á medida.
Para o correcto aproveitamento do mesmo o número de prazas é limitado ademais de ser imprescindible cumprir os seguintes requisitos:
- Coñecementos sólidos e experiencia en administración de redes.
- Coñecementos e experiencia con Debian/Ubuntu .
- Experiencia no manexo de contornas de virtualización .
- Coñecementos e experiencia en programación (ideal ter coñecementos de perl e de programación de scripts coa shell)
O curso impartirase de maneira intensiva os días 15, 16 e 17 de Decembro de forma intensiva de 9:00 da mañá a 19:00 da tarde cun descanso dunha hora para comer, na Aula Nº2, Edificio Miralles do campus das Lagoas da Universidade de Vigo. O noso agradecemento a GALPON pola súa colaboración na xestión da aula.
Se algunha empresa está interesada en asistir a este curso, e cumpre os requisitos especificados para o mesmo, deberá enviar un correo electrónico a formar @ mancomun .org antes do día 28 de novembro, co asunto “Solicitude curso eBox” indicando os datos da empresa, os da persoa interesada en asistir e a experiencia da mesma nos requisitos do curso.
