Mancomún

Curso de Impress e de OpenOffice.org na Rede de Dinamización

Luns, 12 Xaneiro 2009

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información continúa a promover o uso das tecnoloxías e dos estándares abertos entre a poboación galega coa organización de dous cursos en volta do paquete ofimático libre OpenOffice.org no Concello de Sada e máis na comarca do Salnés.

En Sada o obradoiro centrarase exclusivamente no programa de presentacións multimedia do paquete ofimático OpenOffice.org, Impress. O curso comezará o vindeiro día 19 de xaneiro, e concluirá o 23 do mesmo mes.

As clases impartiranse de luns a venres en horario de 9:00 h. A 11:00 h. no Centro de Dinamización do concello e orientarase áo público en xeral co fin de que estes poidan adquirir os coñecementos necesarios para crear unha presentación nesta aplicación.

 As persoas interesadas poderán obter máis información contactando cos dinamizadores, Víctor González e Lucía Sanz.

Pola súa banda, o Centro Comarcal do Salnés acollerá tamén o vindeiro 16 de febreiro o inicio dun curso sobre o paquete ofimático OpenOffice.org, que se prolongará até o día 20 do mesmo mes.

O programa impartirase en horario de 18:30 a 20:30 h. na Aula de Informática CEIP A Torre na Illa de Arousa (Pontevedra). Ao remate do obradoiro as persoas inscritas serán quen de crear e modificar un documento de texto, unha folla de cálculo, unha base de datos e unha presentación da suite libre OpenOffice.org.

Para máis información as persoas interesadas poderán contactar coa dinamizadora do cursos, Eliana Bouzas.

A última versión de OpenOffice.org en galego

A última versión do paquete ofimático OpenOffice.org está dispoñibel en galego dende que Mancomún coordinou a súa  tradución o pasado mes de outubro.

A localización foi posible grazas ao traballo de todos aqueles voluntarios que durante o Xuventude Galiza Net 08 colaboraron na tradución da interface a través da aplicación web Entrans.

Fonte: Rede de Dinamización

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal