A empresa Biostatech, spin-off de bioestatística da Universidade de Santiado de Compostela, organiza un curso de iniciación ao software estatístico R dirixido a profesionais e investigadores que requiran unha formación básica nesta ferramenta libre.
O curso terá lugar no Aulario Novoa Santos (aula 1), sito no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, durante os días 23, 24, 25 e 26 de setembro, en horario de 16:00 a 21:00 horas. O curso será impartido por Mónica López Ratón, licenciada en Matemáticas e Máster en Bioestatística pola USC, e contará con persoal de apoio para acadar unha formación completa e íntegra.
Nun total de 22 horas, 18 presenciais e 4 de traballos prácticos a través de plataforma web, presentarase de forma teórica e práctica un interesante programa a través do que o alumnado acadará as nocións básicas para poder empregar a potente ferramenta estatística R.
O programa do curso é o seguinte:
- Que é R?: Páxina web de R e contorno do programa. Instalación e busca de paquetes.
- Estrutura da información en R: Obxecto, vector, matriz, lista, data frame.
- Lectura e escritura de datos.
- Manexo e manipulación de datos: Creación de subconxuntos. Incorporación de variables. Recodificación de variables.
- Estudo de variables cualitativas: Tests paramétricos e non paramétricos.
- Estudo de variables cuantitativas: Tests paramétricos e non paramétricos.
- Regresión lineal e correlación.
- R Commander
É preciso que os asistentes dispoñan do seu propio equipo portátil co software instalado para poder seguir as prácticas. Para facilitar esta preparación, antes do comezo do cursos remitiranse aos inscritos as instrucións de descarga e instalación do software R para os distintos sistemas operativos, GNU/Linux, Mac OS X e Windows.
A actividade conta coa participación do grupo de investigación da USC GRID[ECMB], e está enmarcado dentro da Rede Nacional de Bioestadística (BIOSTATNET).
O prezo total do curso é de 200 euros (ive incluído). O número de prazas dispoñibles é limitado, e os interesados poden realizar a súa reserva antes do 12 de setembro a través do correo biostatech @ uninova . org, ou ben chamando por teléfono ao 981 594 530, ou ao 672 771 319.
Máis información na páxina web de Biostatech.
