A OSL da USC organiza, en colaboración coa ETSE da USC e da asociación AULUSC, un curso de introdución a GNU/Linux para alumnos dentro da planificación da Aula Profesional da ETSE.
O curso vai dirixido aos alumnos de 1º e 2º curso do Grao de Enxeñería Informática da USC. O seu obxectivo é achegar a estes alumnos ao contorno de traballo GNU/Linux familiarizándoos dunha forma práctica coa liña de ordes, o que lles servirá para afrontar con mellor disposición as distintas materias que conforman o plan de estudos do Grao de Enxeñaría Informática, nas que van precisar facer uso de GNU/Linux e da súa liña de ordes.
Cómpre recordar que a ETSE da USC é unha das facultades nas que a OSL da USC acometeu o proceso de instalación da súa distribución Ubuntu-USC en todas as aulas de formación. Ademais conta cun paquete específico para a escola no que se inclúen todos os aplicativos que os alumnos van precisar ao longo da carreira.
O curso impartirase os vindeiros días 21 de outubro de 12:00 a 14:00 horas e o 25 de outubro de 9:00 a 11:00 horas na Aulas I8 da ETSE.
O material formativo sobre a liña de ordes que empregarán neste curso está dispoñible para a súa consulta xa que se distribúe baixo unha licenza libre.
Así mesmo, tamén organizaron unha Install Party dirixida aos alumnos de 1º e 2º curso do Grao de Enxeñería Informática da USC. Esta Install Party viña realizándoa anualmente a asociación AULUSC en solitario ata que se creou a Oficina de Software Libre na USC, momento no que empezaron a organizala conxuntamente.
Esta install party realizouse os días 14 de outubro de 12 a 14 horas e 18 de outubro de 9 a 11 horas. Nela guiouse aos alumnos participantes no proceso de instalación de Ubuntu nos seus portátiles, ben en solitario ou ben en arranque dual se querían conservar o seu sistema operativo Windows. Tamén lles ofreceu a opción de empregar como alternativa a instalación dunha versión de Linux virtualizada correndo dentro do sistema Windows empregando a ferramenta de virtualización VirtualBox.
