A asociación GALPon infórmanos de que un ano máis vai impartir o curso de Iniciación ao Software Libre e GNU/Linux na Universidade de Vigo, que organiza o vicerrectorado de Extensión Universitaria da Uvigo. Este curso pretende servir de introdución aos sistemas operativos baseados en GNU/Linux de forma que permite aos asistentes rachar coa inercia de traballar con software privativo e potenciar o uso de ferramentas de software libre.
O curso terá unha duración de 30 horas distribuídas nas tardes dos martes e venres de 16:00 a 19:00 horas entre o 2 de marzo e o 30 de abril (agás festivos). Impartirase na Aula Informática 105 do edificio novo da E.T.S.E. Telecomunicacións da Uvigo.
Este curso está aberto a todo o público en xeral. O custe é de 40€ para o público xeral de 30€ para os membros da comunidade universitaria e de 20€ para os bolseiros. Para os estudantes habilítalles 2 créditos de libre elección ou 1 E.C.T.S.
A matrícula xa está aberta e poderá facerse ata o día 26 deste mes.
O temario do curso tratará os seguintes temas:
- Introdución aos conceptos de software libre.
- Contornos de traballo de escritorio: GNOME e KDE.
- Ferramentas libres para o uso da Internet: Navegadores, correo electrónico, xestores de información persoal, Scrapbook, a ferramenta do investigador en liña e mensaxería instantánea.
- Ferramentas de ofimática: suite ofimática: OpenOffice (procesador de texto, folla de cálculo, presentacións, debuxos vectoriais); visores de ficheiros PDF; utilidades multimedia: gravación CD-DVD, reprodutores multimedia, arte e deseño dixital: Gimp (retoque fotográfico), Inkscape (debuxo vectorial).
- Distribucións, instalación e configuración.
Fonte: GALPon
