Mancomún

Curso de localización de aplicativos ao galego

Mércores, 22 Xuño 2011

Logo da OSL da USCComo vos imos informando estes días, a OSL da USC organiza un total de 4 cursos este ano na Universidade de Verán da USC. Hoxe infórmanos da apertura do prazo de inscrición do terceiro destes cursos, Aprende traducindo: Localización de aplicativos ao galego.

Este obradoiro está aberto ao público en xeral estando dirixido principalmente a aquelas persoas interesadas na tradución de software ao galego. De especial interese para titulados ou alumnos de filoloxía ou informática pois permitiríalles explorar novas liñas de desenvolvemento profesional no sector da tradución e localización de software.

Tamén é recomendable para todas aquelas persoas con coñecementos de informática a nivel usuario, aínda que sexan básicos, e que teñan o galego como a súa lingua habitual, xa que poderían axudar á comunidade de localización na tradución de software libre ao galego. De feito este curso é unha excelente oportunidade para entrar en contacto con esta comunidade xa que os docentes serán os coordinadores dos equipos de tradución ao galego de Mozilla, Gnome, OpenOffice e Ubuntu.
O obradoiro terá unha duración de 15 horas distribuídas en sesións de 16:30 a 20:30 do 5 ao 8 de setembro na Facultade de Dereito. O programa é o seguinte:

  • 5 de setembro: Primeiros pasos no campo da localización
    • Panorama da comunidade de localización galega de Software Libre
    • Rexistrarse na rolda da comunidade e presentarse
    • Aplicativos máis destacados (OmegaT)
    • OmegaT, como aplicativo de tradución
    • Proxectos máis importantes (os produtos de Mozilla)
  • 6 de setembro: Localización asistida
    • A interacción coa comunidade
    • Memorias de tradución e terminoloxía
    • OmegaT, mellorando as súas prestacións
    • Proxectos máis importantes (GNOME)
    • Aplicativos máis destacados (GTranslator)
  • 7 de setembro: Localización avanzada
    • As trasnadas
    • Guías de estilo
    • Recursos web: Glósima, Tiboxe, …
    • OmegaT, aplicando os novos recursos
    • Proxectos máis importantes (LibreOffice)
    • Aplicativos máis destacados (Pootle)
  • 8 de Setembro: Iniciar, revisar, manter e reutilizar traducións
    • Como inicio/colaboro na tradución dun aplicativo
    • Tipos de ficheiros de tradución
    • Como escollo o aplicativo máis axeitado
    • OmegaT, mantendo as traducións
    • Proxectos máis importantes (Ubuntu)
    • Aplicativos máis destacados (Qtlinguist)
    • Onde atopar axuda para o futuro

O prazo de inscrición está aberto ata o día 26 de agosto de 2011. A matrícula pode realizarse ben por internet ou ben presencialmente, na Secretaría da Universidade de Verán, Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Colexio de San Xerome, Praza do Obradoiro s/n, Santiago de Compostela ou na Secretaría da Universidade de Verán, Área de Cultura do Campus de Lugo, Pazo de Montenegro, Praciña da Universidade, Lugo. Recoméndase consultar a normativa reguladora da universidade de verán.

O custe de matrícula é de 70 € con carácter xeral e de 40 € para estudantes de calquera universidade ou en estudos de formación profesional, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal