O Ministerio de Educación achega a través do seu web un Curso de redes de área local en Linux. Trátase dun programa de formación co que se pretende ampliar os coñecementos do profesorado na explotación final dunha rede, mediante á instalación dun servidor de rede con sistema operativo Linux e equipos e clientes tamén con Linux.
A intención é facilitar tarefas habituais como a instalación do sistema operativo, aplicativos nos equipos cliente, xestión de usuarios, personalización da contorna de traballo destes, etc.
Para isto o curso, accesíbel tamén na rede para a súa descarga en .pdf (versión completa), parte dun suposto centro educativo que tendo detectado unha serie de deficiencias na súa xestión da información, desexa implantar unha intranet educativa, centralizando a xestión da información e reducindo o tempo de tarefas de mantemento.
Ao final do curso, o alumno estará en disposición de:
-
Configurar un servidor Linux
-
Instalar e configurar os servizos DHCP e DNS.
-
Utilizar os servizos de Terminal Remoto para interactuar remotamente co servidor
-
Ser capaz de realizar unha xestión eficaz dos usuarios e dos grupos
-
Configurar e xestionar os servizos de impresión e de salvagarda dos datos
-
Instalar, configurar e explotar unha intranet educativa, creando cartafoles de acceso público e privado para o almacenamento de ficheiros, a creación de páxinas web informativas de acceso público e privado, a transferencia de ficheiros entre usuarios, etc.
-
Configurar un servizo de encamiñamento para mellorar as prestacións do acceso á rede.
Fonte: Ministerio de Educación
