Máis de 30 técnicos da USC estanse formando no uso de sistemas de clonación con Clonezilla para mellorar a súa capacitación á hora de realizar as implantacións de arranque dual que a Oficina de Software Libre da USC está a dirixir en coordinación coa Área TIC da USC.

O plan de actuación da OSL para o fomento e difusión do software libre na comunidade universitaria ten como elemento vertebrador a distribución Ubuntu-USC. A través desta distribución, adaptada ás necesidades dos distintos colectivos da USC, a OSL está a crear os alicerces para acadar un despregue efectivo e real do software libre na USC.Nunha primeira fase do plan de implantación a medio prazo, estanse acometendo implantacións de arranque dual nas aulas de informática dos distintos centros, en estreita colaboración coa Área TIC da USC.
Un paso sen dúbida imprescindible para o éxito deste proceso é a adecuada formación aos técnicos informáticos da Área TIC para que adquiran os coñecementos necesarios tanto para xestionar e ofrecer asistencia á distribución de GNU/Linux como para realizar as implantacións de arranque dual.
Así se o pasado ano a OSL impartiulles formación sobre administración de sistemas GNU/Linux, este ano está a impartir un curso de formación en Sistemas de clonación Clonezilla para dotar aos técnicos informáticos dos coñecementos precisos para facilitarlles a administración e uso da solución de clonación elixida pola USC para a xestión dos equipos das aulas de informática. O curso ten unha duración de 12 horas e abarca os seguintes temas:
- Introdución/repaso Clonezilla básico
- Creación de medios de arranque para clonado (Clonezilla). CDs/USB
- Nivel básico instalación de Linux manual:
- Particionamento manual
- GRUB
- Instalación de Windows XP/Windows 7 dende Linux
- Configuración de arrinque NTLDR
- Configuración de arrinque BOOTMGR
- Instalación DRBL nun sistema GNU/Linux (Ubuntu USC 10.04). Liñas de comando típicas sistema DRBL operativo.
- Automatización da configuración de Windows (sshd, netsh,reg)
- Automatización da configuración de Linux (ficheiros implicados)
- Introdución ao sistema de autenticación en Linux (LDAP, PAM e AD)
- Sistemas de arranque baseados en BIOS e EFI PXE, dende Windows (sen DRBL)
- Aplicacións prácticas para Memtest, Antivirus, Backup…
A primeira das edicións deste curso realizouse a semana pasada no campus de Lugo onde se formaron arredor de 10 técnicos e a segunda edición está a realizarse esta semana en Santiago de Compostela con máis de 20 asistentes.
