A asociación Proxecto Trasno organiza, en colaboración coa OSL da UDC, un curso de Tradución ao galego de aplicativos libres na Universidade da Coruña, co obxectivo de formar aos asistentes na internacionalización e localización de software libre.
O curso, de carácter gratuíto, está dirixido a estudantes, tradutores, desenvolvedores de software e público en xeral. Consta de 33 horas de duración, convalidables por dous créditos de libre elección.
Estará impartido por persoal experto que, a día de hoxe, son algúns dos membros máis activos da comunidade de voluntarios de tradución de software libre ao galego. Cabe salientar a presencia dos coordinadores de tradución ao galego de proxectos como Mozilla: Enrique Estévez; GNOME: Fran Diéguez; OpenOffice.org: Antón Méixome; MiniNo: Miguel Bouzada entre outros.
Trátase pois dunha magnífica oportunidade para introducirse neste ámbito da man dos seus máximos referentes na comunidade galega.
Para asistir a este curso só é preciso rexistrarse cubrindo o formulario de rexistro habilitado aos efectos na páxina da Oficina de software libre da UDC.
Ofertaranse un máximo de 40 prazas debido ao límite de capacidade da aula onde se vai impartir. No caso de que o número de solicitudes supere á capacidade da aula farase unha selección dos solicitantes. Enviaráselle unha mensaxe a todas as persoas rexistradas confirmando a súa admisión no curso.
Obxectivos
No curso abordarase a localización ao galego de aplicativos informáticos libres desde un aspecto teórico, a través de múltiples relatorios, e tamén práctico nos que se aprenderá a usar dúas ferramentas libres para a tradución, así como outras técnicas. Ao longo do curso os asistentes poderán adquirir os coñecementos necesarios para contribuír á localización ao galego de software libre, así como para usar software libre para traducir software e outros formatos.
Entre os temas dos que se vai falar están a introdución aos procesos de localización e tradución do software, a linguaxe informática en galego, os esquemas de traballo nos proxectos de localización, os estándares de localización e o emprego de ferramentas libres de tradución asistida por ordenador.
Lugar e datas
O curso celebrarase no Edificio de Servizos Centrais da Universidade da Coruña, situado no campus de Elviña.
O curso desenvolverase entre os días 16 e 25 de novembro, de 10:30 a 13:45, agás os días dos obradoiros que, para facilitar a aprendizaxe, dividíronse en dous grupos. Grupo de mañá en horario de 10:15 a 13:45 horas e grupo de tarde de 16:15 a 19:45 horas. As persoas inscritas poderán asistir ou ben á sesión da mañá ou ben á da tarde.
Programa
- Día 1. Martes 16 de novembro
10:30 – 10:45 Benvida ao ciclo
Relator: Miguel Branco. Presidente da AC Proxecto Trasno.10:45 – 11:45 Os conceptos de internacionalización (i18n) ou globalización (g11n), localización (l10n) e tradución
Relator: Miguel Anxo Bouzada. Programador, desenvolvedor e tradutor do Proxecto Trasno.11:45 – 13:45Formatos estándares de localización: XLIFF, TMX e TBX
Relator: Leandro Regueiro. Tradutor do Proxecto Trasno. -
Día 2: Mércores 17 de novembro
10:30 – 12:00 Os formatos de tradución Gettext (po) e Qt Linguist (ts)
Relator: José Manuel Castroagudín. Tradutor do Proxecto Trasno.12:00 – 13:45 Pootle, Launchpad, Transifex e sistemas web de xestión de proxectos de traducións
Relator: Indalecio Freiría. Tradutor do Proxecto Trasno. -
Día 3: Xoves 18 de novembro
10:30 – 12:00 O inglés no ámbito técnico
Relator: Xosé Calvo. Filólogo. Membro do equipo de tradución de KDE ao galego.12:00 – 13:45 Elementos da tradución ao galego. Nova normativa do galego
Relator: Miguel Branco. Presidente da AC Proxecto Trasno. -
Día 4: Venres 19 de novembro
10:15 – 13:45 Obradoiro: traducindo coa ferramenta libre Lokalize (Grupo 1: mañá)
Relator: Marce Villarino. Membro do equipo de tradución de KDE ao galego, e tradutor do Proxecto Trasno.
Asistentes: Leandro Regueiro, Miguel Branco16:15 – 19:45 Obradoiro: traducindo coa ferramenta libre Lokalize (Grupo 2: tarde)
Relator: Marce Villarino. Membro do equipo de tradución de KDE ao galego, e tradutor do Proxecto Trasno.
Asistentes: Leandro Regueiro -
Día 5: Luns 22 de novembro
10:15 – 13:45 Obradoiro: traducindo coa ferramenta libre OmegaT (Grupo 1: mañá)
Relator: Enrique Estévez. Técnico da OSL da USC e coordinador do equipo de tradución de Mozilla ao galego.
Asistentes: Leandro Regueiro16:15 – 19:45 Obradoiro: traducindo coa ferramenta libre OmegaT (Grupo 2: tarde)
Relator: Enrique Estévez. Técnico da OSL da USC e coordinador do equipo de tradución de Mozilla ao galego.
Asistentes: Miguel Branco -
Día 6: Martes 23 de novembro
10:30 – 11:30 Cristalización do modelo de lingua, estilo e terminoloxía galega da localización
Relator: Antón Méixome. Filólogo, técnico de Normalización lingüística, tradutor do Proxecto Trasno.11:30 – 12:30 O reto da calidade lingüística no traballo en rede: roles, procesos e etiqueta de colaboración
Relator: Antón Méixome. Filólogo, técnico de Normalización lingüística, tradutor do Proxecto Trasno.12:30 – 13:45 A informática unha nova lingua de especialidade, uso de Glósima e Tiboxe en Trasno
Relator: Antón Méixome. Filólogo, técnico de Normalización lingüística, tradutor do Proxecto Trasno. -
Día 7: Mércores 24 de novembro
10:30 – 11:30 Corrección técnica e Q&A na tradución de Software Libre
Relator: Fran Diéguez. Técnico da OSL da USC, Coordinador do equipo de tradución de GNOME ao galego.11:30 – 13:45 Esquemas de traballo na localización de software
Relator: Fran Diéguez. Técnico da OSL da USC, Coordinador do equipo de tradución de GNOME ao galego. -
Día 8: Xoves 25 de novembro
10:30 – 12:30 Procesos de internacionalización. Gettext_izar en distintas linguaxes
Descargar en formato PDF ou en formato ODP, información sobre procesos de i18n na wiki de Trasno
Relator: Miguel Anxo Bouzada. Programador, desenvolvedor e tradutor do Proxecto Trasno.12:30 – 13:45 Impacto socioeconómico da localización. Perspectivas de futuro
Relator: Miguel Branco. Presidente da AC Proxecto Trasno.
Este curso forma parte das actividades que a asociación Proxecto Trasno desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2010 da Xunta de Galicia.
Fonte: Trasno
