A Oficina de Software Libre da UDC organiza tres cursos de introdución a ferramentas libres dirixidos ao público xeral e de carácter gratuíto.
Cada un dos cursos ofertados introducirá aos asistentes respectivamente no uso do procesador de texto LibreOffice Writer, na folla de cálculo Libreoffice Calc e nos aplicativos Gimp e Inkscape para o retoque dixital e deseño gráfico.
Cada un dos cursos terá unha duración de 10 horas e ofértanse 10 prazas para cada un que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.
Os cursos son, como dixemos, de carácter introdutorio polo que non é preciso dispoñer de experiencia ou coñecementos previos para asistir aos mesmos, aínda que para obter o máximo proveito é recomendable cando menos ter uns coñecementos mínimos a nivel usuario no sistema operativo GNU/Linux.
En cada un destes cursos, sempre cunha orientación eminentemente práctica, farase unha presentación global do aplicativo incluíndo as instrucións de como conseguilo e instalalo para despois continuar coa formación ao alumnado a través da realización diaria de exercicios que faciliten a aprendizaxe do aplicativo.
Os cursos ofertados son os seguintes:
-
Introdución a Libreoffice Writer. Celebrarase do 24 ao 27 de outubro de 17:00 a 19:30 horas na Aula de formación Libre da UDC sita no Edificio de Servizos Centrais de Investigación, no Campus de Elviña.
-
Introdución a Libreoffice Calc. Celebrarase do 14 ao 17 de novembro de 17:00 a 19:30 horas na Aula de formación Libre da UDC sita no Edificio de Servizos Centrais de Investigación, no Campus de Elviña.
-
Introdución ao retoque dixital e ao deseño gráfico con ferramentas libres. Celebrarase do 21 ao 24 de novembro de 17:00 a 19:30 horas na Aula Grande do Edificio CITIC, no Campus de Elviña.
Todo aquel que queira coñecer o funcionamento destas ferramentas libres e multiplataforma que non dubide en inscribirse en calquera destes cursos. Lembramos que tan só hai 10 prazas dispoñibles en cada un que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.
Unha vez máis, a OSL da UDC sae do ámbito universitario para amosarlle á sociedade as posibilidades do software e coñecemento libre.
