Mancomún

Debian crea Front Desk para facilitar a comunicación coas comunidades das distribucións derivadas

Venres, 2 Xullo 2010

Debian Na actualidade Debian é un dos sistemas operativos do que existen máis sistemas derivados. En concreto, segundo datos de Distrowatch, existen máis de 120 sistemas baseados en Debian, entre os que se atopa Ubuntu.

Mais aínda que isto supón un recoñecemento á calidade e robustez do sistema Debian, dende o proxecto teñen detectado un grave problema de retroalimentación, xa que non é frecuente que os proxectos derivados contribúan a Debian con modificacións nin melloras. O motivo é pola dificultade de facelo ou mesmo de saber como facelo. Conscientes disto, en Debian crearon un novo equipo de traballo que se adicará a facilitar a comunicación entre Debian e os “seus descendentes".
O nome deste equipo é Front Desk e estará formado por voluntarios que actuarán como mentores e conselleiros para que os desenvolvedores das distribucións derivadas contribúan de volta a Debian. Este equipo saberá ofrecer os nomes de desenvolvedores en Debian adecuados a cada situación particular ou explicar os procedementos da cultura Debian a todos aqueles que o precisen.

Agora as distribucións derivadas xa non terán escusa para non colaborar na mellora da súa distribución de orixe, o que sen dúbida redundará en beneficio de todo a comunidade de usuarios destes sistemas operativos.

Fonte: Bitelia

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal