Mancomún

Debian cumpre 16 anos

Martes, 18 Agosto 2009
Compañeiros Linuxeiros,

Esta mensaxe é para anunciar a inminente finalización dunha nova versión de Linux, á que vou chamar Debian. Esta é unha versión que construín basicamente dende cero. Noutras palabras, non fixen simplemente algúns cambios a SLS e lle chamei “nova versión”. A inspiración para crear esta nova versión chegoume tras probar SLS e, en xeral, quedar insatisfeito con el, e despois de andar facéndolle cambios a SLS decidín que era mellor comezar de cero. O sistema base está xa virtualmente completo (aínda que sigo a buscar para asegurarme de que collín o código máis recente de todo), e gustaríame recibir algúns comentarios antes de engadir cousas máis “elaboradas”.

O 16 de agosto de 1993, chegaba ao grupo de novas comp.os.linux.development unha mensaxe que comezaba deste xeito de Ian Murdock; o fundador do proxecto Debian acababa de anuncialo a todo o mundo.

SLS (Softlanding Linux System) foi unha das primeiras distribucións de Linux, antepasada de Slackware, e unha das máis populares no seu momento

Na mesma mensaxe, podiamos ler o seguinte, toda unha declaración de principios acerca do que se buscaba con esta nova "versión de Linux".

Que fará que esta versión sexa mellor que SLS? Isto:

  1. Debian será máis elegante, e menos recargada. Non haberá múltiples binarios e páxinas de manual.
  2. Debian conterá a versión máis actual de todo. O sistema será fácil de manter actualizado cun script de ‘actualización’ que irá no sistema base e permitirá a integración completa de paquetes de actualización.
  3. Debian conterá un sistema de instalación que non necesite vixilancia. Simplemente hai que instalar o sistema base, copiar a distribución ao disco ríxido, responder unhas preguntas sobre que queremos e o que non queremos instalar e deixar que o sistema as instale mentres facemos cousas máis interesantes.
  4. Debian conterá un procedemento de configuración do sistema que tratará de instalar e configurar todo, dende a táboa de particións ata o sistema X.
  5. Debian conterá un sistema de menú que funcione. Instalación e actualización de paquetes a través de menús, configuración do sistema a través de menús, sistema de axuda e administración do sistema.
  6. Debian faralles Linux máis fácil aos usuarios que non teñan acceso á Internet. Os usuarios sen internet terán a opción de recibir paquetes de actualización periódicos para aplicárllelos aos seus sistemas.
  7. Debian estará amplamente documentado (máis que simplemente uns poucos “README”).
  8. Segundo vou xuntando as pezas de Debian, levo un rexistro meticuloso de onde collín cada cousa. Isto permitiralle ao usuario final non só saber de onde coller o código, senón tamén saber se a última versión é parte de Debian. Este rexistro axudará a manter Debian actualizada.
  9. Moito máis, pero xa o irei contando…

Recentemente cumpríanse 16 anos dende que esta mensaxe foi enviada ao grupo. A día de hoxe, Debian converteuse nun proxecto consolidado, robusto e amplamente empregado. Ademais, Debian é a base da que saíron moitas outras distribucións, como Knoppix (a máis famosa distribución en formato cd-vivo), Damn Small Linux (unha distro de escritorio de só 50 mb), ou a coñecida Ubuntu.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal