Mancomún

Día da interoperabilidade Linux – Microsoft

Venres, 17 Xullo 2009

O martes 11 de agosto vai ter lugar no Moscone Center, de San Francisco, California, unha actividade que os seus organizadores deron en chamar o Día da Interoperabilidade Linux – Microsoft.

Na páxina do proxecto Samba, podemos atopar unha páxina wiki presentando esta actividade, nun ton simpático e informal. Esta presentación vén dicir o seguinte:

Unha parte do traballo dos administradores de sistemas consiste en conectar os equipos con sistemas de Microsoft con aqueles que levan sistemas de código aberto. Estas tarefas entran tanto na categoría de “traballo rutinario” como na de “misteriosa maxia negra”.

Nesta actividade os participantes tentarán abrirse camiño entre as sombras do FUD (Fear, uncertainty and doubt – medo, desconfianza e dúbida – , unha táctica de propaganda consistente na difusión de información maliciosa sobre o adversario) e aprender a facer que Microsoft Windows e o código aberto se entendan, dende a simple compartición de ficheiros ata contornos de inicio de sesión único baseados en estándares.

Os temas a tratar neste Día da Interoperabilidade inclúen:

  • Estratexias para servidores de directorio para contornos mixtos fiábeis sen saírse de presuposto.
  • Axustes de seguridade, configuración e rendemento en Samba para clientes con Windows Vista e Windows 7.
  • Reláxense, funciona de serie: ferramentas útiles xa presentes en calquera sistema Linux actualizado.
  • Q&A no mundo real: Presente o seu problema de interoperabilidade máis difícil.

Na mesma páxina wiki pódese atopar un borrador da programación. Como eles mesmos din “Esta actividade é unha desconferencia, así que definiremos a programación final o día mesmo da actividade”.

Fonte: Unha mensaxe dun dos organizadores no servizo de microblogging identi.ca comentando que están a buscar charlas breves e consellos para ese día.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal