Mancomún

Día da liberdade dos documentos

Mércores, 25 Marzo 2015

Hoxe, mércores 25 de marzo, é o Día Internacional da liberdade dos Documentos (DFD), unha iniciativa a nivel mundial promovida pola Free Software Foundation Europe que se celebra o derradeiro mércores do mes de marzo co obxectivo de chamar a atención sobre a importancia de conservar os nosos documentos dixitais en formatos libres e estándares abertos. Día da Liberdade dos Documentos 2015

Para contribuír á consecución dos obxectivos de difusión deste día, organízanse numerosos actos e xornadas de difusión por todo o planeta. En anos anteriores, a nosa comunidade amosouse moi activa nestas celebracións, celebrando xornadas de debate, xornadas de difusión, obradoiros de libreoffice, etc. Este ano, non contamos con ningunha xornada específica na nosa comunidade, pero como nos lembran dende GALPon, podemos contribuír igualmente facendo difusión.

Así GALPon, comparte unha vez máis unha historieta que resumen moi ben a necesidade de uso dos estándares abertos.
Historieta sobre a necesidade de uso de estándares abertos

Esta historieta pódese descargar en formatos libres e editables dende a páxina do Gruvi. Así mesmo, na páxina do DocumentFreedomDay é posible descarga moito máis material gráfico e divulgativo sobre este dia.

O uso de estándares abertos xera documentos libres. O uso de estándares pechados xera documentos cautivos dun software ou compañía determinados. O autor dos documentos non pode escoller como traballar con eles, xa que depende das restricións técnicas que a compañía lle impón.

Na nosa actividade diaria, cada vez máis dixital, atopámonos cunha morea de problemas de comunicación: vídeos que só poden verse cun reprodutor determinado, libros electrónicos que só podemos ler nun lector concreto, sistemas de mensaxeira instantánea que non se comunica cos outros, sitios web accesibles só cun determinado navegador ou cunha determinada tecnoloxía. O problema radica na falta de uso de estándares abertos.

Os estándares abertos garanten a liberdade de acceso aos nosos datos e aos nosos documentos así como a liberdade para que calquera poida desenvolver programas capaces de ler e escribir estes datos agora e no futuro.

Aínda que o fomento e respecto polo uso dos estándares abertos é un aspecto no que se traballa todo o ano, concienciar neste día a usuarios e á administración no respecto á nosa liberdade de acceso aos nosos datos e documentos, contribúe un pouco máis a que cada vez sexa máis a xente consciente da verdadeira importancia do uso de estándares abertos, cales son as vantaxes do seu uso e como podemos colaborar nesta tarefa.

Aproveitamos a ocasión para lembrar que o pasado ano, a Amtega publicou a Guía de boas prácticas para a liberación de publicacións, dispoñible con licenza libre no Repositorio Documental de Software Libre, onde se veñen publicando materiais formativos e divulgativos con licenza libre e en formatos abertos, como recentemente os materiais formativos da Certificación galega de Competencias Dixitais en Ofimática, nos que se inclúen cursos formativos da suite ofimática Libreoffice.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal