Mancomún

Día de Liberdade de Documentos

Mércores, 30 Marzo 2011

Hoxe tivo lugar a celebración do Día da Liberdade de Documentos na Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo. O acto foi inaugurado por Adrián Lence Paz, Subdirector Xeral de Infraestruturas e de Telecomunicacións da Xunta de Galicia e por Edita de Lorenzo, Directora da E.E.T. Universidade de Vigo presentados por D. Roberto Brenlla responsable da organización da Xornada.

Inauguración das Xornadas. De esquerda a dereita Dna. Edita de Lorenzo, D. Adrián Lence e D. Roberto Brenlla.

Na súa intervención Adrián Lence remarcou que o Plan de Acción Floss 2011 que puxo en marcha a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica continúa “o camiño da colaboración e da coordinación cos axentes do software libre iniciado o ano pasado”. O obxectivo prioritario en 2011, segundo lembrou Lence, é acadar en Galicia un maior uso do software libre e de documentos baseados en estándares abertos no ámbito da sociedade da información.

O subdirector xeral destacou a aposta da Xunta de Galicia polos estándares abertos e a compartición de documentación xerada polas administracións públicas e indicou que este ano traballarase nun proxecto de Reutilización de Información do Sector Público. Trátase de ofrecer os conxuntos de datos expostos baixo licenzas abertas, que permitirán a súa redistribución, reutilización, o procesamento automático e o seu aproveitamento por parte da cidadanía, diferentes órganos da Administración e a iniciativa privada. O obxectivo da Xunta é dispoñer este ano dunha primeira versión dun Portal Open Data, útil e doado de manexar, tanto para os usuarios finais como para as unidades que queiran ofrecer os seus datos. O Open Data en Galicia é o resultado do compromiso do Goberno galego a expoñer os datos públicos que obran no seu poder de forma reutilizable, co fin de que terceiros poidan crear servizos derivados destes.

Edita de Lorenzo, agradeceu na súa intervención á organización da Xornada o feito de ter contado coa EE de Telecomunicacións para a celebración deste día, dándolle a oportunidade de sumarse a este acto e ofrecendo as infraestruturas da Escola para vindeiras ocasións.

Mesa técnica «Empresas-Administración»

Mesa técnica administración-empresa-unviersidade

Ás 10:30 tivo lugar a mesa técnica moderada por Miguel Bouzada, responsable xunto con Roberto Brenlla da organización do evento, na que se trataron as vantaxes do uso de estándares abertos a algúns dos problemas que se atopan no día a día para o fomento do seu uso.

A mesa de debate foi aberta por Raúl Fernández Iglesias, Responsable de Servizos Informáticos da FEGAMP quen manifestou que dende a Federación hai un apoio firme ao uso do software libre e os estándares abertos, posto que son conscientes da importancia que por exemplo pode ter para un concello pequeno a independencia de provedor que garante o uso deste tipo de software ademais do potenciamento que supón para as pemes locais.

Roberto Vieito Raña, Técnico da Oficina de Coordinación FLOSS da Xunta de Galicia, fixo un repaso polas principais iniciativas postas en marcha a través do Plan Floss 2010 como a publicación da Guía de obrigado cumprimento sobre as Políticas de uso de formatos de ficheiros asociados aos contidos web da Administración autonómica, políticas que durante o 2011 recibirán o impulso apropiado para que progresivamente se vaia incorporando o seu uso na xestión interna diaria da Xunta de Galicia. Por outro lado, toda a documentación ou produtos audiovisuais realizados polas diferentes entidades e asociacións do software libre ao abeiro do Plan Floss 2010 foron publicados en formatos abertos e con licenzas libres, ao igual que se fará cos traballos que se realicen ao longo de 2011.

Andrés Freire Dapena, Director da Área TIC da Universidade de Santiago de Compostela e responsable da OSL da USC remarcou que na USC teñen como norma habitual a publicación de documentación en formatos estándares, habendo tan só unha porcentaxe residual dun 4% de ficheiros dispoñibles en formatos pechados. Outras liñas de traballo na USC son a aposta pola formación e concienciación e a esixencia nos novos desenvolvementos de compatibilidade con estándares abertos.

Juan Ignacio Varela García, da Oficina Técnica de Sistemas Información Xeográfica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Dirección Xeral Sostibilidade e Paisaxe da Xunta de Galicia quen destacou que se está a facer un importante esforzo por catalogar toda a información xeográfica dispoñible na administración autonómica de cara a analizar a viabilidade de buscar vías para poder dispoñer dela en estándares abertos que permitan a súa difusión e reutilización ao público.

Luís Alberto Fernández, xerente de AGASOL, destacou que a súa asociación consta de 29 empresas con aproximadamente 400 traballadores cunha alta capacitación e experiencia e aconsellou ás administracións e empresas que conten con eles para aconsellalos no mellor xeito de empregar estándares e por extensión software libre.

Para rematar Francisco Javier Rodríguez, Responsable da OSLUVI centrou a súa intervención en destacar que na súa universidade están a centrarse no fomento dos estándares abertos nos distintos xeradores de documentación como son os docentes ou o PAS onde están atopando problemas á hora de facelo en gran medida pola inercia no uso de ferramentas ofimáticas privativas cun custe moi baixo debido ás licenza Campus.

A continuación abriuse un debate coa participación do público asistente do que poderiamos destacar unha reflexión de Nacho Varela: “Alguén é quen de mencionar algún aspecto positivo dos formatos pechados? Que achegan estes formatos á sociedade? Por que entón a sociedade e os gobernos seguen sendo tan permisivos co seu uso?

Conferencia e Mesa debate GULS-Empresa-Universidade

Roberto Brenlla foi despois o encargado de impartir a conferencia «A necesidade do emprego de Estándares Abertos» na que fixo un rápido pero certeiro percorrido dende os xeroglíficos exipcios, o sánscrito, os incendios da biblioteca de Alexandría, entre outros para explicar con exemplos máis próximos á cidadanía a verdadeira importancia do uso de estándares abertos.

Mesa debate GULS-Empresa-Universidade

A xornada rematou cunha mesa de debate na que participaron distintos membros das asociacións de usuarios Melisa, Comunidade O Zulo, Ghandalf, Agnix, Trasno, GALPon, de AGASOL e das OSL da Universidade de Vigo e Santiago. Un perfecto colofón para unha xornada de celebración na que se tratou de poñer de manifesto a importancia do uso dos estándares abertos principalmente para ser donos dos nosos datos e ter a certeza de que van pervivir no futuro.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal