Para buscar un termo nos dicionarios bastará con seleccionar a palabra que queiramos buscar, acceder ao menú contextual pulsando o botón secundario do rato, e na opción “Procurar”, escoller calquera dos dicionarios cos que é compatíbel esta extensión. A definición do termo aparecerá nunha nova xanela de información.
Este proxecto naceu como un script para a extensión Greasemonkey (unha extensión que permite definir e personalizar o xeito no que vemos unha páxina web empregando pequenos scripts en javascript), e co tempo evolucionou ata converterse nunha extensión independente. Na Forxa de Mancomún pódense obter tanto as primeiras versións do script de para GreaseMonkey como navegar polo repositorio svn do código fonte do proxecto.
A extensión, malia a que se atopa aínda en estado experimental na páxina de complementos de Mozilla, é xa usábel e perfectamente aproveitábel. De feito, só precisa de cualificacións positivas por parte de usuarios para abandonar o estado de experimental.
Aínda que no momento actual esta extensión ofrece a posibilidade de procurar no dicionario RAG, e no dicionario de ortografía galego-portuguesa Estraviz, a intención do seu creador é ofrecer nun futuro compatibilidade con todas as fontes posíbeis.
O proxecto está aberto a colaboracións, e admítense suxestións por parte dos usuarios sobre como mellorala. Ademais, como proxecto para un futuro, está planeado portalo a outros navegadores (por facilidade, Chrome seria o primeiro). Animamos a todo o mundo a probar esta extensión, e a valorala na súa páxina de extensións de Mozilla.
