Mancomún

DISNEY libera unha biblioteca para texturas 3D

Mércores, 20 Xaneiro 2010

Logo de Walt Disney StudiosDisney anunciou que libera a biblioteca Ptex "Per-Face Texture Mapping" baixo unha licenza BSD.

Logo de PtexEsta biblioteca foi a que se empregou para realizar o texturado de practicamente cada unha das superficies que aparecen na película de animación Bolt, e integrouse no servidor RenderMan Pro de Pixar.

Ptex é tanto unha API, que se ocupa de E / S e filtrado, como un formato de ficheiro deseñado para almacenar eficientemente miles de imaxes de textura nun mesmo ficheiro. Trátase xa, segundo o sitio web de Ptex, do principal método de mapeado de textura para todas as producións de Walt Disney Animation Studio.

A importancia desta biblioteca é que elimina a necesidade de levar a cabo a asignación manual necesaria ata agora para realizar un "mapeado UV" de texturas, un proceso que a miúdo é considerado como unha das partes máis tediosas de crear animación 3D.

Coa apertura do código desta biblioteca, tanto o formato Ptex como os algoritmos poderán integrarse noutros paquetes libres de modelado 3D como Blender, onde xa se están a facer eco desta boa nova para os deseñadores 3D.
Segundo se pode ler no anuncio feito por Brent Burley dos estudos de animación de Disney, agardan que esta biblioteca sexa beneficiosa para a comunidade. Anuncia tamén que en breve publicarán unha nova sección adicada á tecnoloxía dos Estudos de Animación Walt Disney baixo a páxina http://disneyanimation.com que incluíra as ligazóns a todos os seus proxectos libres.

O código de Ptex pode descargase dende http://github.com/wdas/ptex/. Crearon dous grupos de discusión, un para a comunicación coa comunidade de usuarios: ptex, e outro para realizar novos anuncios relacionados con Ptex: ptex-announce

En YouTube pódese ver un vídeo demostrativo do uso desta biblioteca, Pintando modelos en 3D con Ptex.

Fonte: H-online

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal