O proxecto openZIM é un proxecto de software libre que utiliza o formato de ficheiros ZIM, formato de ficheiros que se usa para facer que o contido web estea dispoñíbel onde non teñamos unha conexión á Internet. O uso principal deste proxecto é fornecer á Wikipedia dun sistema de contidos fóra de liña que permite crear DVD da Wikipedia. Un dos principais patrocinadores deste proxecto é Wikimedia CH.
Froito deste patrocinio, acaba de saír á luz unha nova edición da Wikipedia alemá en DVD. O DVD contén máis de 900.000 entradas da dita Wikipedia (incluíndo imaxes) e un buscador moi completo. Os datos gardados no DVD están altamente comprimidos, grazas ao sistema de ficheiros ZIM, e o DVD só ocupa 1,4 GB de espazo.
Como o software aínda está en fase de probas, polo de agora só produciron 500 DVD, que se entregarán na LinuxTag en Berlín. No entanto, animan a todos aqueles que o desexen a notificar de posíbeis erros. En breve, tamén se espera que se presente unha edición en DVD da Wikipedia española durante a conferencia Wikimania do 26 ao 28 de agosto de 2009 en Bos Aires.
Ademais, os desenvolvedores da Wikimedia Foundation, están traballando na integración de ZIM nos procesos diarios de volcado de datos das Wikipedias, de maneira que se poderán obter ficheiros ZIM das distintas Wikipedias. Máis aínda, está planeado incluír unha característica similar dentro do software MediaWiki, de maneira que a xeración destes DVD sexa automática.
