
Xa están dispoñíbeis para descarga as novas versións beta de Thunderbird 3 e Seamonkey 2, en concreto a terceira beta do cliente de correo Thunderbird e a primeira da suite de aplicativos de internet, Seamonkey.
Podedes atopar as descargas en galego nas páxinas oficiais de descarga nas seguintes ligazóns:
- Thunderbird 3 Beta 3 en galego para GNU/Linux, Windows e Mac OS X.
- Seamonkey 2 Beta 1 en galego para GNU/Linux, Windows e Mac OS X.
Animámosvos a que probedes estas versións (lembrade de facer unha copia de seguranza dos vosos perfís antes de probar estas versións preliminares) e nos notifiquedes os erros que atopedes na tradución de cara a que os poidamos corrixir para as versións finais. Para a notificación de erros detectados, podedes usar o noso formulario de contacto.
Algúns dos cambios máis destacábeis no Thunderbird 3 son:
- A visualización dos correos-e en separadores
- Nova característica de resumo das mensaxes permite ver unha síntese de todos os correos-e seleccionados
- Carpetas intelixentes
- Mellor integración con Gmail
- Melloras para desenvolvedores
Os erros solucionados son máis de 500.
Con respecto ao Seamonkey 2 os cambios máis importantes son:
- Inclusión do mesmo motor web que ten Firefox 3.5.1, incluíndo todos os arranxos de seguranza, rendemento, etc… que fan que a experiencia web ao navegar sexa idéntida que con Firefox 3.5 (incluíndo compatibilidade para son/vídeo, fontes descargábeis e máis…)
- Rescritura completa do xestor de descargas que permite a pausa/reinicio das descargas entre sesións.
- As barras de ferramentas no programa de correo electrónico e no lector de novas son personalizábeis.
- Vista previa de fontes desde o navegador que permite unha mellor xestión/suscripción ás mesmas.
- Compatibilidade para o arquivado do correo-e.
Para máis información sobre o Seamonkey vexa a lista completa de cambios na seguinte ligazón:
http://www.seamonkey-project.org/releases/seamonkey2.0b1/
