Mancomún

Dispoñíbel a guía oficial de OpenOffice.org Writer 3.0

Martes, 20 Xaneiro 2009

Xa está dispoñíbel a guía de OpenOffice.org Writer 3.0, desenvolvida pola comunidade de voluntarios de OpenOffice.org a través de OOoAuthors. Polo momento está só dispoñíbel en inglés.

Este manual ten unha licenza Creative Commons Atribución e pódese descargar en formato pdf de maneira gratuíta ou tamén adquirirse impreso a través de Lulu por tan só 14,82€. Tamén é posíbel acceder aos capítulos individuais que conforman o manual tanto en formato editábel .odt como en formato .pdf

Nun total de 552 páxinas cóbrense aspectos de uso novel como avanzado do procesador de textos OOo Writer. Así trátanse temas como a configuración do Writer; o uso de estilos e modelos; o emprego de texto, gráficas, táboas e formularios; o formato das páxinas (empregando estilos de páxina, columnas, seccións e táboas); impresión e combinación de correspondencia; creación de táboas de contidos, índices e bibliografías; o emprego de documentos mestres, campos e o editor de ecuacións (Math); a creación de PDF e moito máis.

Ademais desta guía, tamén está dispoñíbel, dende hai varios meses, a guía xenérica de OpenOffice.org onde se fai unha introdución a todas as aplicacións que forman parte desta suite.
 
Fonte: DiarioLinux
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal