A publicación do esperado Thunderbird 3.0, logo de máis de dous anos e medio dende a publicación da anterior versión 2.0 do xestor de correo de Mozilla, é xa inminente.
Onte mesmo, o equipo de desenvolvemento de Thunderbird anunciou a saída da primeira versión candidata ou RC deste xestor de correo.
Que quere dicir RC? Trátase da versión do aplicativo que contén todas as funcionalidades desexadas para a versión definitiva, pero que aínda debe superar as últimas fase de probas de cara a detectar os posíbeis erros graves que aínda poida ter. De ser así corrixiranse e publicaranse novas versións RC ata acadar unha versión lista para o lanzamento oficial.
Xa é posíbel descargar o Thunderbird RC1 GNU/Linux, MacOSX e Windows, nun total de 49 idiomas, entre os que se atopa o idioma galego.
|
Thunderbird 3.0 RC en galego para: |
GNU/Linux | MacOSX | Windows |
|---|
Segundo se pode ler nas propias notas desta versión RC, non se trata do produto final, polo que pode conter erros e mesmo causar perda de datos nos perfiles do usuario (datos de configuración, preferencias ou mesmo correo descargado), e non se recomenda o seu uso en contornos de produción, senón só con fins de probas.
Pode enviar calquera erro que atope sobre a localización ao galego a través da rolda de correo de coordinación das traducións ao galego de Mozilla en galician.mozdev.org As novas características incluídas no Thunderbird 3.0 sobre as que os desenvolvedores lles gustaría recibir feedback son:
- Novas ferramentas de busca
- Correo electrónico en separadores
- Arquivado das mensaxes
- Novo asistente para a configuración das contas de correo
- Melloras para os desenvolvedores
Mais esta versión RC, segundo as notas de lanzamento, incorpora máis de 100 cambios dende a última versión beta entre os que se pode destacar:
Novas ferramentas de busca
- Novo sistema de buscas con ferramentas avanzadas de filtrado. Pode filtrarse os resultados das buscas por emisor, etiqueta, adxuntos, persoas, cartafoles e por listas de correo. Tamén é posible filtrar o correo empregando a ferramenta de liña de tempos.
- Nova campo de busca global con autocompletado. Ao teclear algo no campo de busca global, Thunderbird completará en base ao contido da axenda de enderezos.
Melloras na experiencia do usuario
- Novo asistente de configuración de contas de correo electrónico. Este asistente consulta cunha base de datos das configuracións de correo dos provedores máis populares, de maneira que, na maioría dos casos, só será preciso inserir o nome, a conta de correo e o contrasinal para configurar unha nova conta.
- Redeseño completo da barra de ferramentas de correo. A barra de ferramentas redeseñouse para incluír unha nova barra de busca global. Os botóns de responder, reenviar, eliminar e lixo forman parte agora de cada menxase, aínda que é posible configuralo como nas versións anteriores.
- Mensaxes de correo electrónico en separadores. Ao facer dobre clic nunha mensaxe abrirase nunha nova xanela, premendo na mensaxe co botón do medio abrirase nun novo separador. Ao saír de Thunderbird gardaranse os separadores abertos e restauraranse ao volver a entrar en Thunderbird.
- Cartafoles intelixentes. O panel de cartafoles ofrece o modo de cartafoles intelixentes, que combina nunha soa caixa de entrada as caixas de entrada de diferentes contas de correo para facilitar a xestión do noso correo.
- Nova vista de resumo de mensaxes. Agora é posíbel ver unha vista resumo de múltiples mensaxes seleccionadas.
- Melloras nos encabezamentos das columnas. Tanto os encabezados das columnas como a orde en que se mostran pode modificarse en base ao cartafol visualizado.
- Melloras no arquivado das mensaxes. É posible arquivar as mensaxes da caixa de entrada ou de outros cartafoles no novo sistema de cartafoles de arquivo.
- Xestor de actividade. Grávase todas as interaccións entre Thunderbird e o provedor de correo nun único sitio.
- Novo xestor de complementos. Este novo xestor pódese empregar para buscar, descargar e instalar os complementos para Thunderbird, ben sexan Extensións, temas ou plugins. Agora mesmo hai moi poucos complementos compatíbeis con esta versión posto que os seus desenvolvedores aínda precisan actualizalos.
- Axenda de enderezos mellorada. Incluíronse novos campos para os contactos (aniversario, foto…) e unha icona dunha estrela ao lado das contas de correo dos remitentes ou destinatarios, para un acceso máis rápido á edición do contacto (ao xeito dos marcadores de Firefox).
- Mellorada a integración con Gmail. Mellorado o recoñecemento e a integración cos cartafoles especiais de Gmail (como por exemplo o cartafol Arquivado), mesmo das versión non inglesas.
Melloras de rendemento
- Sincronización con cartafoles IMAP. Pode descargar as mensaxes IMAP en segundo plano para permitir unha carga máis rápida e unha mellor operatividade en modo desconectado. Esta característica pode activarse para cartafoles individuais ou para todos dende a Configuración da conta.
Fonte: Mozilla
