Como xa anunciamos hai un mes, a xente de Trisquel está a integrar a contorna de escritorio Sugar na súa distribución Trisquel Edu. Pois ben, agora desde o propio proxecto anuncian a dispoñibilidade da versión de probas desta integración:
“No proxecto Trisquel estamos a desenvolver unha nova iniciativa, consistente nunha imaxe de CD/USB "live" e instalable que executa a última versión da plataforma de aprendizaxe Sugar.
Este novo proxecto mellorará o sistema Trisquel Edu, fornecendo un magnífico entorno educativo para estudantes de primaria. Esperamos que sexa tamén o comezo dunha produtiva relación coa xente de SugarLabs, quenes nos axudaron moito a conseguir este lanzamento. Queremos dar moitas gracias a Aleksey Lim en particular e a todos no proxecto Sugar por manter este marabilloso software!
O proxecto foi presentado durante o Día do Software Libre 09 organizado pola Free Software Foundation. Anunciada por Walter Bender, o fundador de SugarLabs, a nosa solución Sugar+Trisquel fornece un xeito de empregar este magnífico software educativo nun sistema totalmente libre. Trisquel 3.0 tamén estivo presente, dispoñible para o seu uso polo público nos ordenadores do evento."
Acerca de Sugar
Segundo a nova publicada na páxina de Trisquel:
“A plataforma de aprendizaxe Sugar, que ven de gañar numerosos recoñecementos, promove a aprendizaxe colaborativa mediante Actividades Sugar encamiñadas cara o pensamento crítico, o núcleo dunha educación de calidade. Deseñada de cero especificamente para os nenos, Sugar ofrece unha alternativa ao tradicional software de oficina”…
Desde Trisquel animan a que a xente probe esta versión e informe dos erros a través do seu xestor de incidencias.
Máis información no anuncio oficial na súa páxina web. Tamén podedes atopar a mensaxe enviada á lista de correo “softlibre-edugal”.
Acerca de Softlibre-edugal
Softlibre-edugal pretende ser un foro aberto de coordinación e axuda á implantación e desenvolvemento de software libre no ensino galego non universitario. Actualmente conta con máis de 240 subscritores na rolda de correo e nela se informa de novidades no mundo da educación en software libre ou de utilidades para a xestión informática dos centros de ensino usando software libre. O seu promotor é Manuel Morán, ao que Mancomún tivera a oportunidade de entrevistar alá polo ano 2007.
