A comunidade GNOME está emocionada por anunciar a dispoñibilidade inmediata de GNOME 2.28. Centos de voluntarios de todo o mundo traballaron durante os pasados seis meses para facer melloras no escritorio GNOME e na plataforma para desenvolvedores de GNOME.
Deste xeito comeza a nota de prensa publicada na páxina do proxecto GNOME anunciando a nova versión 2.28 deste coñecido contorno de escritorio. Versión que, grazas ós esforzos da comunidade de tradución atópase traducida case no 100% ao galego (só unha cadea de texto das máis de corenta e catro mil que conforman GNOME aparece nas estatísticas como “dubidosa”. Cadea que será corrixida en breve en futuras actualizacións).
O escritorio GNOME lanza unha nova versión cada seis meses con características novas, melloras, solucións de erros e novas traducións. Esta versión 2.28 segue esa tradición.
Novidades para os usuarios
As características máis destacábeis (como ben din nas notas de lanzamento, o grande número de erros solucionados e melloras fai imposíbel mencionalos todos) desta versión de cara ao usuario son:
- O módulo GNOME Bluetooth. Compatíbel con centos de dispositivos Bluetooth, este módulo servirá para controlar ratos, teclados, auriculares… Bluetooth. Inclúe tamén a capacidade de conexión a internet a través dun teléfono móbil BlueTooth.
- O miniaplicativo de xestión de tempo, que axuda a controlar o tempo que lle dedicamos ás tarefas, inclúe varias melloras nesta nova versión.
- Mensaxería instantánea. Incorporáronselle importantes características ao aplicativo Empathy, construído sobre o contorno de traballo Telepathy.
- O navegador web Epiphany cambiou o motor de renderizado de Gecko a WebKit.
- O reprodutor multimedia tamén experimentou varias melloras, como a capacidade de navegar polos menús dos DVD, ou melloras no complemento para YouTube.
- Melloras no aplicativo de cámara web e vídeo Cheese.
- O visor de documentos Evince agora permite editar e gardar notas de texto nos documentos PDF.
- E máis.
Parabéns aos desenvolvedores, tradutores e usuarios deste fantástico contorno de escritorio.
