Ultimate Edition é un sistema operativo baseado en Ubuntu, que foi creado co propósito de mellorar a experiencia de usuario e a usabilidade. 
Esta distribución naceu co nome de “Ubuntu Christmas Edition”, como un regalo de Nadal para a comunidade de Ubuntu. Logo o autor, coñecido como TheeMahn, creou un proxecto nomeado Ubuntu Ultimate, que tras unha solicitude por parte de Canonical de que non se continuase a empregar a marca de Ubuntu pasou a ser coñecido como Ultimate Edition.
Este luns 21 de setembro anunciouse a dispoñibilidade de Ultimate Edition 2.3 Gamers, unha edición deste sistema operativo que ten como característica máis destacada a inclusión dos seguintes xogos: 3D chess, Airstrike, Aisleriot Solitaire, Barrage, Blackjack, Boswars, Brutal Chess, BzFlag, Brutal Chess, Chess, Dream Chess, Five or more, Foo Billiard, Four-in-a-row, Freecell, Gbrainy, Glest, Gnometris, Gridwars, Hearts, Lango, Kslotski, Majongg, Mines, Nexuiz, Nibbles, Nimuh, Open Arena, Play On Linux (un aplicativo baseado en wine que permite instalar e usar facilmente xogos e programas de Windows en Linux), PokerTH, Robots, SameGnome, Sauerbraten, Snoballz, Suduku, Super Tux 2, Tali, Tetravex, Tremulous, Vetris e Warsow.
Ademais desta lista, tamén hai dispoñíbeis outros xogos a través de Ultamatix, unha continuación do coñecido programa Automatix, tamén incluído neste sistema operativo.
Ultimate Edition 2.3 Gamers está baseado en Ubuntu 9.04 (Jaunty), e ofrécese no formato dunha imaxe de DVD de 3,8 GB. Pódese descargar dende diferentes servidores réplica, tal como podemos ver na páxina do anuncio da publicación desta versión.
