A OSL do CIXUG vén de publicar a primeira distribución de GNU/Linux adaptada para cubrir ás necesidades das tres universidades do Sistema Universitario Galego.
Como non podía ser doutro xeito, logo da excelente experiencia de anos anteriores coa adaptación de Ubuntu á Universidade de Santiago de Compostela, e sendo fieis á filosofía e espírito do software libre, de aproveitamento, colaboración, contribución de avances a proxectos existentes, … aproveitouse tanto o modelo e infraestrutura empregada para a Ubuntu-USC como o coñecemento e experiencia previos para o desenvolvemento desta distribución de GNU/Linux das universidades galegas evitando ter que partir de cero.
O nome escollido para a distribución das universidades galegas é SO.xug, Sistema Operativo para a xestión das universidades galegas, e baséase en Ubuntu 12.04 LTS basicamente presenta unha adaptación gráfica cunha selección de paquetes base para as tres universidades galegas, como software de uso xenérico como LibreOffice, Gimp, Firefox, Thunderbird…, software de xestión de aulas empregado nas universidades, software común empregado na formación en diferentes facultades e centros, …
Dispón de sitio web propio dende o que é posible acceder a todo o material que se vai xerando:
- Imaxes iso de descarga para a instalación
- Repositorio propio para a instalación e actualización
- Publicación do código fonte xerado
- Documentación xerada para a creación da distribución
- Acceso aos scripts que a permiten xerar
No tocante á imaxe esta nova distribución contou cun deseño (logos, cores, fondos, pantalla de inicio de sesión, …) completamente novo que segue esteticamente a imaxe do CIXUG do que depende a OSL e que está formado polas tres universidades galegas. Os deseños realizados para a imaxe serán publicados tamén con licenza libre e en formato aberto nos próximos días.
Motivación e obxectivos
O desenvolvemento dunha distribución adaptada ás necesidades das nosas universidades forma parte dunha estratexia mais ampla de promoción de Software Libre no ámbito universitario galego. Que as 3 universidades conten cunha distribución única que poida cubrir as necesidades que vaian tendo tanto no entorno docente como chegado o momento na xestión universitaria, debería ser un fito que permita avanzar na promoción do software libre nas universidades a través de actividades de formación e asistencia e asesoramento e que permita tamén unha xestión das TIC máis eficaz ao traballar nun entorno máis homoxéneo.
O propósito último é deseñar un conxunto de aplicacións e configuracións básicas que poidan formar un sistema operativo base para as universidades, sobre o que se construirían versións personalizadas para cada facultade, centro ou servizo, incluíndo o software específico que estas requiran de forma sostible e máis eficiente.
Por estar baseado en Software Libre, este sistema deberíalle permitir ás universidades un aforro de custes, tanto na parte administrativa como na parte docente.
Unhas das principais vantaxes é que os centros poderían proporcionar a cada alumno unha suite completa das ferramentas informáticas que vai precisar nos seus estudos. Por outra banda, ao persoal técnico do centro tamén lle facilitará notablemente as tarefas de administración e control dos estudantes.
Esta distribución será instalada nas aulas das tres universidades en función da demanda que realicen os docentes para o seu uso na docencia. Aínda así, desde a OSL en colaboración coas tres universidades, deseñarase un plan de implantación para que cada centro das tres universidades conte polo menos cun aula con arrinque dual.
Este desenvolvemento forma parte das actividades realizadas pola OSL do CIXUG ao abeiro do Convenio de Colaboración asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia a través da AMTEGA.
